A Xunta destina preto de 31.000 euros a acondicionar a pasarela do río Mera, en Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, explica que o Goberno galego colabora coa comunidade de montes de San Miguel de Orbazai “para poñer en valor unha zona de alto valor natural e paisaxístico”

Lugo, 16 de xaneiro de 2023

A Consellería do Medio Rural destinará preto de 31.000  euros ao acondicionamento da pasarela do río Mera, no municipio de Lugo, a través dun convenio de colaboración coa comunidade de montes veciñais en man común de San Miguel de Orbazai.

Así o explicou o delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, tras manter hoxe na Delegación Territorial da Xunta un encontro co presidente da entidade, Pablo González.

A zona de actuación está integrada dentro dos límites das parcelas da comunidade de montes. O acordo servirá para acondicionar e renovar a estrutura de madeira co fin de acadar unha plataforma que ofreza seguridade ao transitar por ela. Está previsto actuar nunha lonxitude duns 107 metros.

Arias destacou que a intervención permitirá "poñer en valor unha zona de alto valor natural e paisaxístico á beira do río para o uso da cidadanía”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2023