A Xunta desprega a exposición ‘Artenon’ pola cidade de Pontevedra para seguir concienciando contra a violencia de xénero

O delegado territorial, Luis López, visitou hoxe a mostra, que despide a súa estancia no complexo administrativo de Campolongo para instalarse esta mesma semana no edificio xudicial da Parda

Este traballo recolle a visión artística de doce ilustradoras galegas contra a lacra da violencia machista e está a percorrer as sete cidades galegas

“Dende a Xunta traballamos sen desmaio, todos os días do ano, máis alá da data simbólica do 25N, para que a violencia de xénero desapareza de inmediato e se poida acadar canto antes a igualdade real e efectiva”, sinalou o representante autonómico
 

Pontevedra, 16 de xaneiro de 2023.-

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, está a despregar pola cidade de Pontevedra a exposición ArteNON, coa que se pretende seguir concienciando a toda a sociedade contra a violencia de xénero e a imprescindible desaparición desta lacra.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá a mostra no edificio administrativo de Campolongo acompañado pola secretaria territorial, Marta Iglesias, e a xefa territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Mariño.

Este traballo permaneceu aberto á cidadanía os últimos quince días no complexo da Xunta e esta mesma semana trasladarase ao edificio xudicial da Parda, tamén na capital provincial, onde estará exposto ata finais do presente mes no marco do seu percorrido itinerante polas sete cidades galegas.

A exposición ArteNON recolle a visión artística de doce ilustradoras galegas contra a violencia machista a través de tótems cun gran atractivo visual. En concreto, as participantes, algunhas delas da provincia de Pontevedra, son Andrea López, Candela Piñeiro, Alicia Suárez, Julia Gema, Eva Carballeira, Aurora Cascudo, Paula Cheshire, Paula Mayor, Abi Castillo, Idoia de Luxán, Lara Torres y Laura Tova.

“Dende a Xunta traballamos sen desmaio, a través de accións transversais e todos os días do ano, máis alá da data simbólica do 25N, para que a violencia de xénero desapareza de inmediato e se poida acadar canto antes a igualdade real e efectiva”, sinalou o representante autonómico, que convidou a todos os pontevedreses a contemplar esta exposición na súa nova ubicación na cidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2023