Ante a boa acollida da primeira edición, a Xunta oferta unha segunda edición do curso de persoa cazadora con formación organizado pola Escola Galega de Saúde Pública

Este segundo curso desenvolverase o 23 de febreiro na Xefatura Territorial de Sanidade en Lugo


Os requisitos para a inscrición, que comeza hoxe e remata o 16 de febreiro, son estar empadroado en Galicia e ter licenza de caza en vigor no momento da inscrición no curso
 

Esta iniciativa ten como obxectivo obter a credencial como persoa cazadora con formación mediante a acreditación dos coñecementos detallados na normativa. Os contidos do mesmo inclúen catro módulos que se desenvolverán ao longo de 7 horas de formación
 

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2023

As Consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Medio Rural; e Sanidade, en colaboración coa Federación Galega de Caza, ofertan a segunda edición do curso de persoa cazadora con formación, organizado pola Escola Galega de Saúde Pública, que se desenvolverá o día 23 de febreiro de 2023 na Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Lugo.

 

O obxectivo do curso é obter a credencial como persoa cazadora con formación, mediante a acreditación dos coñecementos para realizar o control in situ, sanitario e de hixiene das pezas de caza silvestre abatidas para seren destinadas ao consumo humano, así como do control de subprodutos animais non destinados ao consumo humano e de sanidade animal, na práctica cinexética de caza maior, establecidos na normativa de aplicación.

 

Este curso de persoa cazadora con formación cumpre cos requirimentos da normativa europea, nacional e autonómica. Os contidos do curso inclúen catro módulos que se desenvolverán ao longo de sete horas, co que se pretende sensibilizar as persoas cazadoras sobre a importancia que ten a súa actuación desde o punto de vista da seguridade alimentaria, da sanidade animal e da sustentabilidade ambiental dentro dun enfoque One Health.

 

Coa superación deste curso, a persoa cazadora formada estará habilitada para facer o primeiro exame da peza abatida, distinguindo se esta e as súas vísceras teñen un aspecto normal ou pola contra presentan anormalidades que poden xerar dúbidas da posible inocuidade da carne. Unhas boas prácticas á hora do manexo das pezas de caza maior vai favorecer a seguridade alimentaria da carne para consumo humano.

 

Controis sanitarios

En Galicia, toda a carne de caza maior para a súa comercialización, debe pasar por unha sala de tratamento de carne de caza (establecemento autorizado e inscrito no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos) e alí é sometida aos controis sanitarios realizados polo Servizo Veterinario Oficial, quen ditamina a súa aptitude para o consumo garantindo a seguridade alimentaria. Tras unha serie de controis sobre os documentos que deben levar as pezas e sobre a identificación, proceden a realizar unha inspección da canle que inclúe a análise de detección da triquina, todo en base á normativa europea. No caso da carne de caza maior que se destina a autoconsumo, tamén é necesario que se realice un control sanitario para poder ser consumida na contorna familiar. Neste caso, este labor é realizado polas persoas veterinarias autorizadas en actividades cinexéticas que proceden a realizar unha inspección post mortem.

 

Así mesmo, esta actividade vai aumentar a formación específica en sanidade animal das persoas cazadoras, incidindo en que os brotes de enfermidades tamén poderían ter un impacto negativo no medio ambiente e na sanidade animal en animais domésticos e fauna silvestre, non só polos problemas de eliminación dos subprodutos, senón tamén polas súas consecuencias para a biodiversidade.

 

Esta actividade, organizada pola Escola Galega de Saúde Pública, encádrase dentro dos obxectivos da mesma como é o fomento da formación en materia de saúde pública na sociedade. O número de prazas ofertadas nesta segunda edición é de 50, e, en función da acollida, valorarase a realización doutras edicións nas demais provincias co obxectivo de que todas as persoas cazadoras que así o soliciten poidan acceder a esta formación.

 

Os requisitos para a inscrición neste curso, que comenza hoxe e remata o 16 de febreiro, son estar empadroado en Galicia e ter a licenza de caza en vigor no momento da inscrición no curso.

 

A inscrición realizarase cubrindo o formulario que aparece no páxina web https://www.sergas.gal/Saude-publica/EGSP-curso-caza e a selección será por rigoroso orde de inscrición. Nesta páxina pódese consultar tamén, o programa do curso así coma outra información de interese.

Data de actualización: 16/01/2023