A Xunta promocionará en Fitur 2023 os produtos alimentarios galegos con indicativo de calidade

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural programou para esta feira de turismo diferentes actividades dentro do espazo institucional galego

Ao longo dos cinco días do certame terán lugar exhibicións de cociña e catas comentadas tanto no anfiteatro como no bar-degustación do posto da Axencia Turismo de Galicia
 

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2023

Os produtos alimentarios galegos con indicativo de calidade terán unha presenza destacada na Feira Internacional de Turismo Fitur 2023, que se desenvolverá a vindeira semana no recinto de Ifema, en Madrid. Así, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, programou para esta cita -que terá lugar do mércores 18 ao domingo 22- diferentes actividades de promoción, dentro do espazo institucional de Galicia, localizado no pavillón 9 (postos C07 e C09). 

Neste sentido, ao longo dos cinco días do certame terán lugar exhibicións de cociña e catas comentadas tanto no anfiteatro como no bar-degustación do posto da Axencia Turismo de Galicia. As actividades no anfiteatro desenvolveranse do mércores ao domingo e nelas participará persoal dalgúns dos consellos reguladores implicados, así como da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Ademais, as actividades de cociña estarán dirixidas por profesionais do mundo gastronómico. 

As catas comentadas celebraranse durante o fin de semana (días 21 e 22) na zona de bar-degustación do espazo galego. Cataranse os viños premiados nas Catas de Galicia 2022 baixo a dirección do sumiller Javier Gila. O domingo haberá tamén unha cata de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, dirixida por Sonia Otero Padín. 

Experiencias de calidade

No marco de Fitur, o propio director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, fará unha presentación de Experiencias de Calidade. Ademais,no espazo galego terán un papel protagonista, entre outros, os produtos da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega, os queixos galegos con denominación de orixe protexida, a IXP Tarta de Santiago (combinada cos Augardentes e Licores tradicionais de Galicia con Indicación Xeográfica Protexida), a IXP Pan galego ou os produtos amparados polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). 

Así mesmo, entre os produtos exaltados figuran algúns amparados polo selo Galicia Calidade, caso dos da cooperativa ourensá Coren, do polbo Rosa de los Vientos ou da pescada de Celeiro.

 Outros produtos que tamén serán promocionados son os cócteles de Nordesía, os aceites Abril, o Galo de Curral de Vila de Cruces ou a empanada galega. Haberá tamén espazos monográficos sobre as festas gastronómicas de interese turístico nacional e mesmo unha romaría galega cun showcooking centrado no polbo á feira.
 

 

Data de actualización: 14/01/2023