A quenda de garda psicolóxica para a atención 24 horas ás vítimas de violencia de xénero atendeu en 2022 86 mulleres e menores e realizou 79 intervencións

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse en Santiago de Compostela cos responsables do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para facer balance do convenio que a entidade mantén coa Xunta para prestar este servizo

A iniciativa, cunha achega autonómica de 80.000 euros, forma parte das actuacións que Galicia desenvolve no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero

Preto de 265 persoas foron atendidas desde 2018

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reunise cos responsables do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para facer balance do servizo de quenda de garda psicolóxica para a atención 24 horas ás vítimas de violencia de xénero e ás súas fillas e fillos menores. Trátase dunha iniciativa que apoia a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 80.000 euros a través dun convenio que mantén coa entidade desde o ano 2018.

A quenda de garda especializada e permanente, con 79 intervencións realizadas en 2022 , permitiu no pasado ano atender 86 vítimas e menores. Desde 2018, cando se firmou por primeira vez este acordo de colaboración, 263 mulleres e menores foron atendidos, desenvolvéndose 259 intervencións.

A atención psicolóxica é un instrumento fundamental para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, para a protección e o apoio ás mulleres que a sofren, pero tamén para os seus fillos e fillas, testemuñas e vítimas da violencia familiar. A iniciativa forma parte das actuacións que Galicia desenvolve no marco do Pacto de Estado contra a violencia

O interese prioritario  deste servizo é ofrecer atención inmediata e personalizada a través de profesionais con formación específica que, de xeito gratuíto, realizan unha atención continuada as 24 horas os 365 días ao ano.

A quenda de garda psicolóxica actívase de forma inmediata nos casos de urxencia e garante a presenza dun profesional desde o momento posterior de producirse unha agresión. A atención psicolóxica ten carácter inmediato nestes casos e se presta en todos os partidos xudiciais galegos a requirimento das forzas e corpos de seguridade.

A Xunta tamén mantén co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia un convenio de colaboración para a atención psicolóxica a mulleres e menores que sofren violencia de xénero, e complementariamente a outras persoas do seu entorno familiar que vivan ou padezan estas situacións; e tamén para homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar a través do programa Abramos o círculo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/01/2023