Os clubs deportivos poderán solicitar desde mañá as axudas para actividade ás que a Xunta destina este ano de novo 2 millóns de euros

Coa publicación desta nova convocatoria, desde 2009, as entidades e clubs deportivos de Galicia terán recibido a través desta liña un total de preto de 31 millóns de euros

 

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2022

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a orde  pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas, e se procede á súa convocatoria para este 2023.

 

Deste xeito, a partir de mañá, sábado, 14 de xaneiro, os clubs deportivos xa poderán solicitar as súas axudas para 2023 que terán un orzamento global de 2 millóns de euros, ao igual que en 2022 cando subiu un 5% respecto ao presuposto de 2021, distribuídos en dúas liñas de axudas.

 

Por unha banda, 1.910.003 euros para o desenvolvemento de actividades deportivas polos clubs, sociedades anónimas e seccións deportivas e os case 90.000 euros restantes a núcleos de adestramento deportivo especializado (NADE). A axuda máxima por entidade beneficiaria 10.000 euros, na primeira liña, e 29.999 euros na segunda.

 

No ano pasado foron 1.088 as entidades beneficiadas -375 da Coruña, 131 de Lugo, 108 de Ourense e 474 de Pontevedra- cun promedio de axuda de 1.783 euros, un 15% máis que en 2021.

 

Coa publicación desta nova convocatoria, o investimento destinado desde 2009 a entidades e clubs deportivos de Galicia a través desta liña ascende a preto de 31 millóns de euros.

 

Como protagonistas da segunda liña de axudas, os NADE regulan o deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base de Galicia. Engloban o conxunto de medios humanos e materiais xestionados por unha entidade deportiva que teña por finalidade a preparación técnico-deportiva orientada ao alto nivel ou ao alto rendemento deportivo.

 

O recoñecemento destes núcleos permite abarcar e colaborar nas distintas realidades da preparación da alta dedicación deportiva existente na comunidade.

 

Na actualidade atópanse recoñecidos como NADE seis centros: os tres federativos da Federación Galega de Hóckey en Ourense; da Federación Galega de Surf en Nigrán; e da Federación Galega de Squash en Ames; xunto con outros tres de clubs: do Club Kayak Tudense (Tui), Club Boxeo Kick Boxing (A Coruña) e Club Halterofilia Coruña (A Coruña).

 

Cómpre salientar, como novidade, que nesta edición de 2023 retírase a puntuación mínima que se lle pedía aos clubs de recente creación -nos doce meses anteriores á convocatoria- polo que estas entidades terán máis doado o acceso ás axudas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/01/2023