A Xunta colabora na rehabilitación dos depósitos de auga da Asociación de Convenios de Usuarios de Penalta, en Caldas de Reis

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, visitaron o lugar das obras, que contaron cunha achega de 12.000 euros do Goberno galego

A iniciativa desenvolveuse no marco do Plan específico de acción comunitaria, destinado a asociacións veciñais, de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas, que este ano mantén o orzamento de 3 M€

Caldas de Reis (Pontevedra), 13 de xaneiro de 2023 A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, visitou hoxe o depósito de auga da Asociación de Convenios de Usuarios de Penalta, en Caldas de Reis, que vén de ser rehabilitado co apoio da Xunta. A entidade recibiu unha achega de 12.000 euros ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria, destinado a asociacións veciñais, de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas.

A axuda permitiu reparar a cuberta da construción que acolle os depósitos de reparto para cada vivenda e evitar así tanto o seu derrubamento como a perda de calidade da auga por filtracións. A maiores, eliminouse unha fuga na entrada aos depósitos das tubaxes xerais de condución dos caudais desde os mananciais. Instalouse tamén un sistema de filtrado que garante o control da calidade da auga, e iluminación interior con placas fotovoltaicas a prol dunha maior eficiencia e aforro enerxético. Por último, actuouse sobre o valado que pecha a construción para evitar o acceso.

Constituída en 1992, a Asociación de Convenios de Usuarios de Penalta conta con tres captacións para uso doméstico que lle dan servizo a 24 veciños na parroquia caldense de Arcos da Condesa.

Na súa visita, Natalia Prieto destacou o importante labor realizado polas comunidades de usuarios de augas, xa que garanten nos núcleos rurais un servizo básico como é o abastecemento. Nesta liña, incidiu no compromiso do Goberno galego co conxunto do asociacionismo local e da xestión conxunta de bens e servizos por parte da poboación, a través do Plan específico de acción comunitaria dotado este ano con 3 millóns de euros. “A boa acollida desta liña de axudas levounos en 2022 a incrementar o orzamento nun 20% e a manter este reforzo no actual exercicio”, apuntou.      

Pontevedra, a provincia con máis axudas en 2022

A directora xeral referiuse á significativa participación dos colectivos de Pontevedra na medida, xa que é a provincia que concentrou máis axudas en 2022, cun importe de 1,8M€ para 139 entidades. Neste caso foron ademais as comunidades de usuarios de augas as que recibiron a maior contía, 1,3M€ que se distribuíu entre 104 entidades. A maiores, 34 asociacións de veciños dispuxeron de 489.147 euros e unha de mulleres rurais, de 8.892 euros.

Desde a súa posta en marcha, en 2016, a Xunta leva investidos preto de 16M€ nesta liña de axudas para apoiar a execución de máis de 1.300 proxectos. Deste total, 520 foron iniciativas promovidas por comunidades de usuarios de augas, ás que o Goberno galego destinou 6M€. As obras feitas por estes colectivos centráronse en obras de captación, para a redución de perdas de auga e para mellorar a xestión, medición ou o control da calidade da auga, así como para optimizar o aforro e a eficiencia enerxética, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/01/2023