A Xunta reforma a lei para devolver os animais de compañía falecidos na vía pública ás súas familias

Co cambio da Lei de protección e benestar dos animais de compañía, os cadáveres identificaranse co microchip para notificar o falecemento aos responsables
 

O Goberno galego convocou en decembro dúas liñas de axudas coas que destinará un total de 450.000 euros a apoiar a protectoras e entidades locais no seu labor

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2023

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presidiu hoxe unha reunión telemática para trasladar a unha decena de protectoras das catro provincias os cambios introducidos na Lei de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia e informarlles das novas axudas da Xunta para o coidado e protección de animais domésticos abandonados.

A responsable autonómica subliñou que esta modificación da norma recolle as inquedanzas de cidadáns e colectivos animalistas polas dificultades coas que se atopaban en caso de que un destes animais falecese na vía pública.

A lei autonómica que recolle os códigos de actuación ante este tipo de situacións foi pioneira no seu momento e supuxo un gran avance con respecto á normativa anterior, pois vela activamente polo benestar e o coidado dos animais de compañía. Co cambio introducido agora, ademais, ten en conta os dereitos dos animais tamén cando falecen.

Neste sentido, a reforma normativa recolle a obriga de identificar a través do microchip aos animais atopados na vía pública e notificar o seu deceso ás persoas que figuren como responsables. Así, a familia pode facerse cargo e comunicar a baixa ao Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía.

Deste xeito, tendo en consideración os dereitos dos responsables dos animais e o vínculo sentimental que os une, a conselleira recalcou que o cambio normativo introducido na lei sectorial galega reflicte o compromiso da Xunta co impulso a diferentes tipos de medidas que incidan positivamente no seu coidado e protección, tanto na vida como incluso despois dela.

Este compromiso do Goberno autonómico co benestar dos animais de compañía esténdese tamén ás axudas económicas. Por esta razón, o pasado mes de decembro convocáronse dúas ordes por un importe total de 450.000 euros para apoiar a protectoras e concellos no coidado e atención dos animais domésticos abandonados.

No caso das axudas dirixidas a protectoras, entre os gastos subvencionables inclúense aqueles relacionados coa esterilización cirúrxica, a identificación mediante microchip e a inscrición no Rexistro galego de identificación de animais de compañía (Regiac), a compra de alimentos e a vacinación preventiva e desparasitación, entre outras medidas profilácticas, dos animais de compañía ao seu cargo.

Ademais, tamén se inclúe a compra de material non funxible para manexo dos exemplares, software específico, dispositivos electrónicos para mellorar a xestión do centro, ou equipamento veterinario. A subvención poderá chegar a 5.000 euros por solicitante.

Así mesmo, todas as entidades protectoras debidamente rexistradas en Galicia tamén poden acollerse a axudas de ata un máximo de 2.500 euros para a realización de campañas de concienciación, promoción da tenza responsable e fomento das adopcións, aínda que non xestionen nin sexan titulares dunha instalación dedicada a este fin.

En total, estímase que grazas ao orzamento reservado a ambas liñas de axudas en 2023 —a de protectoras e a destinada a entidades locais— poderanse realizar actuacións que beneficien a máis de 16.000 animais abandonados.

Tanto os concellos como as asociacións poderán pedir subvencións para financiar os gastos executados no período comprendido entre o 1 de setembro do ano pasado e o 31 de agosto deste. O prazo para que concellos, agrupacións locais e entidades debidamente rexistradas na Comunidade poidan presentar as súas solicitudes xa está aberto e estenderase ata o 15 de setembro de 2023.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/01/2023