A Xunta convoca para o próximo 20 de xaneiro o pleno do Observatorio Galego da Violencia de Xénero

Trátase dunha xuntanza ordinaria na que, entre outros asuntos, abordaranse propostas para a mellora da resposta institucional contra a violencia machista
 

A conselleira de Igualdade, María Jesús Lorenzana, reclama máis coordinación ao Estado e que se informe das novas medidas e se teña en conta a experiencia das comunidades autónomas na loita contra esta problemática
 

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2023

A Xunta ten convocado para o próximo 20 de xaneiro o Pleno do Observatorio Galego da Violencia de Xénero no que participan todas as institucións administrativas e xudiciais, corpos e forzas de seguridade e organizacións empresariais e sindicais implicadas en Galicia na loita contra a violencia machista para seguir mellorando a resposta contra esta lacra. O Observatorio, creado no ano 2012, avalía as políticas de prevención e protección das vítimas e constitúese como un instrumento eficaz para coordinar as diferentes actuacións que se desenvolven nesta materia.

A conselleira de Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe a convocatoria desta reunión ordinaria na que se abordarán, entre outros asuntos, propostas para a mellora da resposta institucional contra a violencia machista.

Neste senso, Lorenzana reclama máis coordinación ao Estado e que se informe das novas medidas que se están a adoptar na loita contra esta problemática. “É preciso avaliar ben as necesidades e acertar coas medidas”, apuntou. A titular do departamento autonómico destacou a importancia de que o Estado escoite “a experiencia” das comunidades autónomas na loita contra a violencia de xénero e que comunique as novas medidas para que se poidan valorar.

Así mesmo, indicou a necesidade de que calquera acción que se adopte se faga desde a seguridade xurídica, que as medidas sexan “contrastadas xurídicamente” e sexan “idóneas”, subliñou.

Lorenzana sinalou, para rematar, que o papel das comunidades autónomas na loita contra a violencia de xénero é clave, xa que son as que están en contacto directo coas vítimas e lembrou a importancia de seguir impulsando medidas para acadar a independencia económica e laboral das mulleres, así como traballar na prevención a través da sensibilización de todos os colectivos. “É preciso insistir na intensificacción da prevención, sensiblización e educación da cidadanía”, concluíu.

Data de actualización: 12/01/2023