O Sergas publica a relación provisional das listas de selección temporal da nova categoría de persoal estatutario de enxeñeiro biomédico

Xeráronse un total de 149 inscricións

A categoría con maior número de admitidos é a de técnico superior en ciencias da información, con 91

É o primeiro proceso de xeración destas listas

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a relación provisional coa orde de prelación e a puntuación obtida polas persoas aspirantes admitidas no primeiro proceso de elaboración das listas de selección temporal da nova categoría de enxeñeiro superior biomédico e da categoría de técnico superior no ámbito das ciencias da información.

En total, xeráronse un total de 149 inscricións. A categoría con maior número de admitidos é a de técnico superior en ciencias da información, cun total de 91.

No pasado ano 2022, finalizou a primeira promoción da titulación de enxeñería biomédica na Universidade de Vigo. Os enxeñeiros biomédicos aplican principios científicos e de enxeñería para axudar a previr e tratar problemas de saúde, permitindo unha mellor optimización dos recursos sanitarios.

A enxeñaría biomédica é unha ciencia interdisciplinaria baseada na medicina, na bioloxía e na enxeñaría. É fundamental para unha variedade de tecnoloxías sumamente innovadoras e de produtos ou procesos do sector da asistencia sanitaria. A incorporación de persoal da titulación de enxeñaría biomédica conlevará unha utilización mellor dos recursos e procesos

O envellecemento da sociedade, o aumento da gravidade das enfermidades crónicas e o aumento dos custes da asistencia sanitaria estanse a converter en retos mundiais. Dado que a tecnoloxía desempeña un papel clave no sector dos servizos de sanidade e asistencia, as actividades de investigación, innovación e desenvolvemento en enxeñaría biomédica, xunto cos servizos médicos e asistenciais, son desafíos importantes na sociedade actual.

Os técnicos superiores en ciencias da información xogan un papel fundamental no sector sanitario, xa que a comunicación é unha ferramenta imprescindible para conseguir transmitir todos os avances e cambios á sociedade, feito este que se cabe acentuouse coa pandemia na que foi necesario a información continua da poboación a través das distintas canles de comunicación. Por este motivo dentro da categoría de técnico superior creouse esta lista na que se require titulación vinculada coas ciencias da información e o periodismo.

A selección de aspirantes efectuarase consonte o disposto na Resolución do 13 de xuño de 2016 pola que se aproba o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG nº123, do 30 de xuño).

As listas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Mañá, 13 de xaneiro de 2023, publicaranse as listas provisionais das categorías de enfermeiro e técnico en coidados auxiliares de enfermería.

Data de actualización: 12/01/2023