O conselleiro de Educación reúnese cos directores dos conservatorios de Música e de Danza, e coas escolas de Arte e Deseño, Arte Dramática e Conservación e Restauración

A Xunta insta ao Goberno do Estado á equiparación “efectiva e real” dos titulados en ensinanzas artísticas superiores co ensino universitario

Román Rodríguez advirte de que a futura lei estatal de ensinanzas artísticas superiores que está preparando o Ministerio sexa “unha nova oportunidade perdida” para poñer en valor esta formación académica de alta cualificación

Reclama o establecemento de sinerxías co sistema universitario a través dun rexistro único de centros

Lamenta as “présas” do Ministerio por sacar adiante un texto de mínimos sen o respaldo dun grupo de traballo técnico que canalice e debata as achegas de todas as administracións implicadas

Amosa o compromiso do Goberno galego con estas ensinanzas mediante a planificación dun abano de iniciativas para darlles visibilidade e impulso a estes centros que son “a canteira da cultura en Galicia”
 

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, mantivo esta mañá unha reunión de traballo cos directores dos conservatorios de Música e de Danza e das escolas de Arte e Deseño, Arte Dramática e de Conservación e Restauración de Bens Culturais dependentes da Xunta de Galicia para analizar a posta en marcha de novas accións de impulso destas ensinanzas así como as repercusións da futura lei estatal de ensinanzas artísticas superiores que está tramitando o Goberno do Estado.

Tal e como avanzou o conselleiro, na xuntanza abordouse, principalmente, o novo texto lexislativo “que afecta de cheo a estas ensinanzas” e para o cal a Consellería propón unha serie de achegas ao documento base do Ministerio, xa que, polo de agora, non existe un anteproxecto de lei con articulado específico.

Así mesmo, expresou o respaldo e o compromiso do Goberno galego con estes centros formativos “que son canteira da cultura en Galicia”. De aí que o departamento que dirixe Román Rodríguez estea traballando nun abano de iniciativas concretas para impulsar, promocionar e darlle unha maior visibilidade a estas ensinanzas que proporcionan formación altamente cualificada.

 

Garantías para o alumnado

No que atinxe á nova lei estatal de ensinanzas artísticas superiores, entre as peticións da Xunta cómpre destacar a equiparación “efectiva” dos titulados nestas ensinanzas superiores cos titulados universitarios, “con igualdade de dereitos e de recoñecementos”.  

Segundo explicou o conselleiro, “aínda que estes estudos están legalmente equiparados aos estudos universitarios, na práctica dáse unha contradición e os alumnos atópanse con limitacións en asuntos como o acceso ás becas do propio Ministerio ou a doutorados. 

De aí que desde a Xunta se propoña que esa equiparación legal “sexa tamén real”, para o cal a nova lei debe recoller todas as ferramentas necesarias “para blindar estas garantías”, sinalou o titular de Educación do Goberno galego.  

Sinerxías co ámbito universitario

Galicia avoga porque se establezan sinerxías co ámbito universitario e que se cree un rexistro único de centros e universidades que imparten ensinanzas artísticas superiores. Así mesmo proponse que todas as plataformas de rexistro de títulos se estruturen atendendo ao nivel de grao ou superior e non separando ensinanzas universitarias e non universitarias. “O obxectivo, especificou o conselleiro, é poder operar nun marco común”.  

Consecuencia da LOMLOE e da división dos ministerios

O conselleiro indicou que a nova lei de ensinanzas artísticas superiores podería ser “unha ocasión para mellorar” este eido formativo, pero expresou o seu temor a que “isto se quede nunha oportunidade perdida” debido ás “présas” do Ministerio de establecer un texto “cun contido de mínimos, que non entra no fondo das cuestións e que non responde ás necesidades e ás aspiracións de futuro”. “Cremos que esta non é unha forma seria nin rigorosa de traballar a favor da calidade desta ensinanzas”, sentenciou.  

Proba disto é que a día de hoxe o Ministerio busca sacar adiante un texto lexislativo sen o respaldo dun grupo de traballo técnico que canalice e debata as achegas de todas as administracións implicadas. Tamén lamentou o “efecto negativo” da existencia de dous ministerios como son o de Educación e o de Universidades, “que deberían ir da man nun asunto coma este”.  

“Este é un escenario que nos preocupa”, abondou o conselleiro, quen lamentou que o Goberno do Estado “sigue na senda na que lamentablemente xa nos ten acostumados, como sucedeu coa LOMLOE, a lei de Universidades ou a lei de FP”.

Data de actualización: 11/01/2023