A Xunta promove en Ourense o servizo de orientación xurídico-laboral que ofrece de xeito gratuíto a través dos colexios de graduados sociais

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, presentou este recurso acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén

Ourense, 11 de xaneiro de 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, nunha reunión informativa para presentar o servizo gratuíto de orientación xurídico-laboral, que este departamento ofrece en colaboración cos tres colexios oficiais de graduados sociais en Galicia (A Coruña e Ourense, Lugo e Pontevedra). Na xornada puxo en valor que en 2022, a través do Colexio A Coruña-Ourense atendéronse cerca de 70 consultas o ano pasado sobre temáticas diversas insertas no eido das relacións laborais, a igualdade, e aspectos sociais do traballo.  

Con este recurso bríndase asesoramento, tal e como relatou Mancha, a cuestións relacionadas coas prestacións contributivas, xubilación, invalidez, viuvez, orfandade, prestacións familiares, prestacións non contributivas, de desemprego e no marco das relacións laborais dos traballadores acerca de contratos, convenios, comprobacións salariais das nóminas, etc.. 

“Grazas a esta colaboración estamos a dar resposta a cuestións vencelladas tamén co emprendemento e o traballo autónomo e a consultas socio-laborais no eido da  igualdade, a discriminación ou o acoso no lugar de traballo”, especificou a directora xeral.

A orientación xurídico-laboral préstase con prioridade de xeito presencial. Poden acceder ao mesmo persoas físicas que non teñan a condición de empresarios, salvo traballadores autónomos que se atopen en situación análoga á de conta allea, que pretendan iniciarse no emprendemento. Tamén poden utilizar o asesoramento en materia de igualdade, discriminación e acoso,  as persoas colexiadas con respecto aos seus despachos, así como os clientes, no caso de requirilo. 

Mancha lembrou que coa iniciativa estreada o pasado ano 21 trátase de dar respostas ante as novidades lexislativas recentes que afectar ás relacións laborais. A posta en marcha do servizo responde a un convenio asinado cos tres colexios oficiais de graduados sociais: A Coruña e Ourense (5.000 euros), Pontevedra (5.000 euros) e Lugo (5.000 euros). En virtude do mesmo, estas entidades asumen os custos de persoal e materiais mentres que a consellería financia parte dos honorarios de asesoramento.

“A realidade social e económica actual reflicte unha situación donde existen dificultades económicas e inquedanzas, que unido ao envellecemento da poboación, producen dúbidas no porvenir da cidadanía, desde o acceso a xubilación ata os requisitos para acceder a prestacións familiares”, lembrou e puxo en valor que estes apoios se realicen desde as entidades colexiais por contar “cunha configuración de proximidade á cidadanía”.

Para dar a coñecer o servizo á cidadanía, a Xunta distribuíu carteis entre as  oficinas da Inspección de Traballo, SEPE (Oficinas de emprego), INSS e Tesorería e está a organizar unha rolda de presentacións informativas nas diferentes delegacións territoriais do Goberno.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/01/2023