A delegada territorial da Xunta en Ferrol supervisou as obras acompañada do xefe territorial, Indalecio Cabana, e da secretaria do centro, Rosa García

Martina Aneiros pon en valor as obras de mellora da eficiencia enerxética do IES de Catabois no que a Xunta está a investir máis de 760.000 €

Os traballos, incluídos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, se estima que poidan estar concluídos a finais de febreiro

Ferrol, 11 de xaneiro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, supervisou esta mañá os traballos que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a acometer no IES de Catabois, ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, e que supoñen un investimento superior aos 760.000 euros.

Acompañada do xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, e da secretaria do centro, Rosa García, Aneiros comprobou a execución dos traballos de eficiencia enerxética que se están levando a cabo no edificio e que inclúen o cambio das carpinterías exteriores, así como a instalación dun sistema de illamento térmico exterior co que se está a mellorar a envolvente das instalacións.

As obras, que comezaban o pasado verán e se prevé que poidan estar concluídas a finais do mes de febreiro, contemplan ademais a substitución das luminarias por outras de tipo LED, así como a regulación da iluminación nas aulas.

A representante da Xunta avanzou que tamén se están a reformar os aseos da primeira planta e se ampliou o espazo destinado á biblioteca, traballos que se completarán coa renovación das carpinterías interiores. Ademais o proxecto contempla a construción de ramplas exteriores para dar cumprimento á normativa de accesibilidade e a substitución da cuberta do patio de recreo.

Os traballos de rehabilitación do IES de Catabois están enmarcados no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que supón a folla de ruta para adaptar os centros escolares as novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas de futuro. Ao abeiro deste programa o Goberno galego ten actualmente en marcha actuacións por valor de 2,2 M€ en centros educativos de Ferrol.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/01/2023