A Xunta destina 31,5 M€ para que os nenos nacidos no 2023 teñan acceso á Tarxeta Benvida

Máis de 92.500 familias galegas xa se beneficiaron desta axuda para atender os gastos que supón o nacemento dun fillo desde a súa posta en marcha no ano 2016

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que regula a concesión da Tarxeta Benvida para as nenas e nenos nacidos no 2023. A Xunta habilita un investimento de 31,5 millóns de euros para esta axuda, que desde a súa creación no 2016 xa leva beneficiadas a más de 92.500 familias galegas e que acada un orzamento acumulado de 196 millóns de euros, incluída esta nova convocatoria.

Con carácter xeral, a contía da axuda que reciben as familias a través deste programa é de 1.200 euros durante o primeiro ano de vida do fillo. Esta duplícase no caso das familias numerosas e increméntase un 25 % no caso daquelas que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes. Así mesmo, a achega pode estenderse ata os catro anos de vida do neno naqueles fogares especialmente vulnerables.

Estímase que oito de cada dez familias galegas están en condicións de recibir a Tarxeta Benvida, coa que poderán atender os gastos que supón o nacemento dun fillo, como a compra de alimentos infantís, cueiros, roupa, berce e produtos de hixiene e farmacéuticos, entre outras necesidades.

A Tarxeta Benvida forma parte das medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para apoiar ás familias e que se engloban no Plan de Apoio á Natalidade (PAN): a gratuidade das escolas infantís, as casas niño, o bono coidado ou a cesta benvida.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/01/2023