O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitan o centro

Román Rodríguez anuncia a rehabilitación integral do colexio CPI San Vicente de A Baña por 1,2 M€

Entre outras actuacións, está previsto acometer traballos nas cubertas e fachadas para mellorar a impermeabilización, así como na carpintaría exterior

Tamén se realizarán accións nos acabados interiores e melloraranse aseos e iluminación coa renovación de 121 ventás e 300 luminarias

“Renovaremos e acondicionaremos o colexio seguindo as pautas do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para facelo máis confortable e sustentable”, explica

A Baña (A Coruña), 10 de xaneiro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o colexio CPI de San Vicente onde anunciou a licitación das obras de rehabilitación integral deste centro por 1.161.179 €.

Como explicou, entre as actuacións previstas inclúense traballos nas cubertas e fachadas para mellorar a impermeabilización da estrutura, así como levar a cabo tarefas de carpintería exterior. Tamén se actuará nos acabados interiores e nas instalacións, en concreto, nos aseos, na instalación eléctrica e na iluminación. Tamén está prevista a renovación dun total de 121 ventás e 300 luminarias.

“Queremos renovar e acondicionar o colexio adaptándonos ás novas necesidades do alumnado e profesorado e seguindo as pautas do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica co que, cun investimento de 191M€, estamos facendo máis confortables e sustentables os centros escolares galegos”, expresou o conselleiro. A previsión inicial é adxudicar as obras en tres meses e iniciar os traballos o antes posible, tendo en conta que o groso das actuacións están previstas durante o verán.

Servizo para 200 persoas

O colexio CPI de San Vicente -que actualmente dá servizo a unhas 200 persoas, entre alumnado e persoal docente e non docente- sitúase nunha parcela pechada de máis de 10.000 m2 que conta con varias edificacións: edificio de Educación  Secundaria  que  inclúe  a  casa do conserxe, edificio  de Educación   Primaria  conectado ao anterior por unha pasarela, edificio de Educación Infantil anexo ao de Primaria, unha pista  descuberta e un pavillón. As obras previstas realizaranse nos edificios de Educación Primaria e Infantil, por ser os máis antigos e os que máis deterioro presentan.

O titular de Educación salientou que esta rehabilitación súmase ás actuacións da Xunta neste centro nos últimos anos, nos que se contribuíu a solucionar problemas ocasionados na cuberta, así como o acondicionamento do aseo para alumnado con necesidades especiais e arranxos na zona do comedor, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/01/2023