A Xunta leva investidos máis de 727.700€ para colaborar en actuacións do concello de Ames

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, mantivo hoxe un encontro co alcalde da localidade, Blas García, para abordar posibles liñas de colaboración en proxectos conxuntos

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, recibiu hoxe o alcalde de Ames, Blas García, para coñecer as demandas do concello e avanzar en posibles liñas de cooperación en proxectos conxuntos. Ao encontro tamén acudiu a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a concelleira de Deportes de Ames, Susana Señorís. 

Diego Calvo lembrou as achegas da Vicepresidencia Segunda no concello, sobre todo no ámbito deportivo e en melloras de infraestruturas municipais e actuacións ambientais, cun investimento nos últimos anos de máis de 727.700 euros.  

Destacan os 350.260 euros concedidos desde a Secretaría Xeral para o Deporte -55.690 euros só o ano pasado- tanto en equipamento como en apoio á actividade das entidades deportivas do municipio. Ademais, nesta contía inclúense os patrocinios a deportistas de alto nivel do concello e a equipos como o Club Voleibol Bruxas.  

Outros 307.200 euros corresponden ás distintas liñas de axudas anuais destinadas aos concellos, como o Fondo de Compensación Ambiental, a cargo do cal se financiaron actuacións como a adquisición de contedores para a recollida de residuos para o complexo medioambiental do Barbanza -do que forma parte Ames xunto con Brión, Carnota, Lousame, Muros, Noia, Pontecesures, Porto do Son e Rois-, así como a dotación de illas ecolóxicas para o concello e melloras no saneamento de distintos núcleos.  

Ademais, en materia de emerxencias, a Xunta colaborou nos últimos anos con máis de 94.700 euros nos gastos anuais de funcionamento e en reforzar o equipamento da súa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. Cómpre engadir que o Goberno galego tamén achega a metade do custo anual de funcionamento do GES da zona Santiago-A Barcala con sede en Brión, que dá cobertura, entre outros, ao concello de Ames.  

Colaboración a prol do benestar cidadá

O vicepresidente segundo da Xunta destaca a importancia da colaboración entre administracións en iniciativas que redundan de forma directa no benestar da cidadanía. Así, a cooperación entre a Administración autonómica e a local permite levar a cabo proxectos que sen este apoio serían máis difícil de acometer. Na mesma liña, Diego Calvo avoga tamén pola cooperación entre os propios concellos para sumar esforzos e ser máis eficientes evitando duplicidades.  

O Goberno galego mantén o seu compromiso coas administracións locais, que se traduce neste ano ano en achegas que suman 564,3 millóns de euros, un 15,5% máis que en 2022. Neste marco de acción, destaca o incremento no Fondo de Cooperación Local, que ascende a 143,4 millóns de euros, un 17% máis que en 2022, e en especial da parte do fondo adicional, que rexistra unha suba récord do 135% e chega aos 30,5 millóns de euros para sufragar os servizos que precisamente máis demanda a cidadanía.  

Nesta liña, o Concello de Ames, recibe cada ano, do fondo base do fondo de cooperación local, mais de 811.000 euros de xeito incondicionado, é dicir, para destinalo ás finalidades ou para sufragar os gastos que este concello considere.   

Nas transferencias anuais da Xunta ás entidades locais inclúense outras liñas de axudas como a Orde de infraestruturas de uso público ou o Fondo de Compensación Ambiental que neste ano contarán con investimentos de 3,5 millóns e de máis de 11 millóns de euros respectivamente. Tamén se aprobará unha nova orde, dotada con 2,6 millóns de euros, destinada a financiar proxectos de eficiencia enerxética en instalacións municipais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/01/2023