A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu hoxe a reunión da Oficina Técnica da Seca

A Xunta desactiva o estado de seca prolongada en toda a demarcación hidrográfica Galicia-Costa tras as chuvias das últimas semanas

As precipitacións de decembro e da 1ª semana de xaneiro permitiron recuperar os valores de normalidade nos sistemas do río Ulla; río Tambre; río Mero, Arteixo e ría da Coruña; río Mandeo e ría de Betanzos; río Eume e ría de Ares; e Ferrol, que aínda mantiñan esta situación

As chuvias rexistradas en Galicia en decembro foron un 59% superiores á media da serie histórica, cunha menor incidencia nas zonas máis ao leste da comunidade

O nivel actual dos encoros de abastecemento da demarcación Galicia-Costa, de competencia da Xunta, sitúase no 75,57% cunha ocupación en cotas similares ás do ano anterior
 

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2023

As chuvias rexistradas nas últimas semanas permitiron desactivar o estado de seca prolongada en toda a demarcación hidrográfica Galicia-Costa, de competencia autonómica.

 

Na xuntanza da Oficina Técnica da Seca celebrada hoxe, presidida pola directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e na que tamén participaron Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural, confirmouse a melloría da situacións tras as chuvias intensas rexistradas nas últimas semanas.  

 

A consolidación dos indicadores favorables do mes de novembro, coas precipitacións de decembro, permitiron recuperar os valores de normalidade en canto a chuvia rexistrada, superando a situación de seca prolongada que se mantiña activa aínda nalgúns sistemas da demarcación.

 

Así, recuperan os valores de normalidade os sistemas do río Ulla e ría de Arousa (marxe dereita); río Tambre; río Mero, Arteixo e ría da Coruña; río Mandeo e ría de Betanzos; río Eume e ría de Ares; e Ferrol.

 

Cómpre lembrar que desde comezos de decembro o resto da demarcación hidrográfica de Galicia Costa xa está en valores de completa normalidade en canto a precipitacións rexistradas.

 

Tamén a comezos de decembro toda a demarcación de Galicia-Costa quedaba xa en valores de normalidade en canto á situación de escaseza, que mide o nivel de risco de abastecemento en función das reserva de auga dispoñibles.

 

As precipitacións rexistradas no conxunto da comunidade no mes de decembro foron un 59% superiores aos valores medios da serie histórica, aínda que cunha menor incidencia na zona leste da comunidade, onde os valores de precipitacións rexistrados foron inferiores á media.

 

Decembro foi, polo tanto, un mes moi húmido, principalmente na provincia de Pontevedra e sur da Coruña onde moitas zonas superaron os 500 l/m² acumulados.

 

A previsión para esta semana, con situacións intermedias que achegarán humidade e algunha precipitación aínda que non se prevé moi intensa, xunto co prognóstico completo para o que resta de mes, fai augurar un xaneiro que non se afastaría moito dos valores de normalidade para esta época do ano.

 

Cos datos obtidos das estacións de aforo, a Oficina Técnica da Seca tamén confirmou que os caudais dos ríos experimentaron unha importante recuperación nas últimas semanas, situándose por riba dos valores habituais para esta época do ano.

 

No que se refire á auga embalsada, o nivel actual dos encoros de abastecemento da demarcación Galicia-Costa sitúase, a día 9 de xaneiro, no 75,57% cunha ocupación en valores similares ao do mesmo período do ano anterior, cando estaban ao 74,99%.

 

Mapa coas unidades territoriais da demarcación Galicia-Costa, todas elas xa en valores de normalidade

Data de actualización: 10/01/2023