A Xunta abre mañá o prazo de solicitudes para poder pescar lamprea no río Ulla durante a vindeira tempada

O Diario Oficial de Galicia publica a orde pola que se regula esta práctica e se fixan os trámites, requisitos e condicións que deben cumprir os pescadores interesados
 

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2023 A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abrirá a partir de mañá, mércores, 11 de xaneiro, e por un período de 15 días hábiles o prazo de presentación de solicitudes para poder pescar lamprea no río Ulla durante a vindeira tempada, segundo figura na Orde que regula a práctica desta actividade que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia

A lamprea (Petromizon marinus) é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, xa que para a súa captura seguen a utilizarse procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies. Esta é a razón pola que cada ano se establece un réxime especial para a súa pesca co obxectivo de que se realice un aproveitamento específico e ordenado da lamprea. 

Dentro das pesqueiras tradicionais no río Ulla, existen na actualidade 28 que aínda están operativas. As persoas interesadas en traballar a lamprea nestas zonas deberán estar en posesión da correspondente licenza de pesca e contar co permiso de cuarta categoría para cada día e pesqueira. Como é habitual, xunto cos permisos entregarase un libro de rexistro de capturas que deberá ser debidamente cuberto, estará sempre a disposición das autoridades competentes e, unha vez rematada a tempada, terá que ser enviado ao Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra. 

Tal e como establece a orde, para o exercicio da pesca con aproveitamento nas pesqueiras do río Ulla expedirase a licenza das clases A ou B, segundo corresponda, na que se indicará a especie autorizada (lamprea) e se especificará a pesqueira na que se pode practicar esta pesca, de acordo coa lista establecida no Anexo I da orde publicada hoxe. 

Segundo a normativa, o período hábil de pesca da lamprea no Ulla para o vindeiro ano será nas pesqueiras de Areas (Herbón), do 16 de xaneiro ao 8 de abril, e no tramo comprendido desde a pesqueira As Vellas (Herbón) ata a pesqueira da Trapa (Herbón), ambas incluídas, do 30 de xaneiro ao 22 de abril. No que atinxe ao tramo comprendido desde as pesqueiras da Caseta e Furado (Carcacía) ata a pesqueira de Lampreeiro, lugar das Pesqueiras (Reis), todas incluídas, será do 6 de febreiro ata o 6 de maio. 

Polo que respecta aos horarios, as redes só poderán estar colocadas desde as 20,00 horas ata as 08,00 horas, quedando prohibida a realización dos labores de pesca –é dicir, que deberán levantarse as redes das pesqueiras- entre as 08,00 horas dos sábados e as 20,00 horas dos luns.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/01/2023