A Xunta seguirá a indemnizar con 7.000 euros ás orfas e orfos das vítimas mortais por violencia de xénero e ás mulleres gravemente feridas nas agresións

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova convocatoria das axudas económicas para este colectivo ás que se destinarán 70.000 euros que serán ampliables, de ser necesario chegar a máis persoas beneficiarias


Os apoios poden solicitarse desde mañá ata o próximo 30 de novembro de 2023


A Xunta apoiou con esta iniciativa a 8 orfos e orfas e a 9 mulleres desde 2019, cando se activou esta medida no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero
 

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova convocatoria das axudas que a Xunta de Galicia dirixe ás fillas e fillos menores de 30 anos de vítimas mortais por violencia de xénero ou a mulleres que resultaran gravemente feridas como consecuencia dunha agresión. O orzamento destas indemnizacións para 2023 ascende a 70.000 euros, ampliables en función das necesidades-  e os apoios poderán solicitarse desde mañá ata o 30 de novembro de 2023.

 

As persoas beneficiaras recibirán 7.000 euros nunha única achega, no marco das medidas de asistencia integral que a comunidade brinda para apoiar a mulleres e menores no seu proceso de recuperación.

 

Poderán recibir a contía cada unha das fillas ou fillos da vítima mortal de violencia de xénero que na data do falecemento da nai sexan menores de idade e conviviran con ela, independentemente da renda familiar. Tamén está prevista indemnización para os e as descendentes maiores de idade ata 30 anos, que dependeran economicamente da nai e/ou do pai agresor sen recibir rendas ou que estas, en cómputo anual, non superen o equivalente a 12 meses do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples vixente (Iprem).

 

No caso das mulleres feridas polas agresións, a Xunta indemnizará ás afectadas por lesións requiran de hospitalización e que, na data das mesmas, sexan maiores de idade ou emancipadas, con residencia en Galicia e se topen en situación de precariedade económica.

 

En ambos os dous casos, para poder acceder á convocatoria de 2023, os feitos teñen que terse producido con posterioridade ao 1 de xullo de 2021.

 
 

A iniciativa enmárcase no conxunto de medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que Galicia está a desenvolver. Neste caso concreto, trátase de brindar apoio ás vítimas directas e indirectas co obxectivo de que poidan atenuar os prexuízos económicos derivados da situación. 

 

A Xunta apoiou con esta iniciativa a un total de 17 persoas (8 orfos e 9 mulleres) desde o ano 2019, cando se publicou por primeira vez esta actuación.

 

O Goberno galego está comprometido en garantir ás mulleres vítimas unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor para que conten con ferramentas para dar o primeiro paso de ruptura e rachar coa violencia. Por este motivo, ademais das axudas hoxe convocadas, ten artellados outros apoios económicos de pago periódico -que sitúan a Galicia como primeira comunidade en dispor dunha axuda económica mensual e a única que a ten ininterrompida todo o ano- e de pago único, que teñen por obxecto apoiar ás mulleres con especiais dificultades para a busca de emprego.  

 

A Administración autonómica destinará a todos estes apoios económicos case 6 millóns de euros en 2023; unhas medidas que se complementarán cun amplo abano de recursos en materia de atención, acompañamento, formación e integración das vítimas de violencia de xénero como os incentivos para a súa contratación por entidades locais e sen ánimo de lucro; a atención psicolóxica gratuíta tanto ás mulleres como ao seu entorno; ou o impulso da Rede galega de acollemento -integrada por sete centros na comunidade- que en 2023 verá incrementada a súa dotación nos orzamentos nun 24%.

Data de actualización: 10/01/2023