O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visita o equipo do filme ‘As Neves’ na recta final dos seus traballos de filmación

A primeira longa da realizadora Sonia Méndez súmase na Fonsagrada á intensa temporada de rodaxes en Galicia impulsada polas axudas da Xunta

O responsable autonómico de Cultura móstrase convencido de que o 2023 volverá ser un “bo ano para o audiovisual galego” con proxectos que contribúen ao éxito do sector e a afianzar o bo posicionamento de Galicia no eido audiovisual

Coproducida por Cósmica Producións e Aquí y Allí Films, a película conta cunha subvención autonómica de 260.000 € a través da convocatoria para producións audiovisuais, ademais de ter sido apoiada durante a súa fase previa

Durante 2023 chegarán ás pantallas de cine e ás plataformas numerosos títulos rodados durante os últimos meses con financiamento do Goberno galego

A Fonsagrada (Lugo), 9 de xaneiro de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asistiu hoxe na Fonsagrada a unha das sesións de rodaxe de As neves, primeira longametraxe da directora e guionista viguesa Sonia Méndez, que encara a recta final dun proceso de filmación que deu comezo a mediados de decembro cun equipo de máis de 60 persoas. Cósmica Producións conta co apoio da Xunta de Galicia desde o inicio deste proxecto, subvencionado xa na súa fase previa de desenvolvemento e polo que se lle concedeu tamén unha axuda de 260.000 euros a través da convocatoria de 2021 para producións e coproducións audiovisuais.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañaron o conselleiro nesta visita ao equipo de As neves, durante a que a propia directora e a produtora executiva, Nati Juncal, lles puxeron ao día da evolución da rodaxe que se vén levando a cabo en diferentes localizacións da Fonsagrada, ademais de noutros concellos da provincia de Lugo e en Santiago de Compostela.

Durante a visita, o responsable autonómico de Cultura mostrouse convencido de que o 2023 volverá ser un “bo ano para o audiovisual galego” no que películas como a que se está rodando na Fonsagrada van contribuír ao éxito do sector e a afianzar o bo posicionamento de Galicia no eido audiovisual. “Desde a Xunta cremos que este é un sector estratéxico cunha gran capacidade para crear emprego e, como ocorre neste caso, poñer en valor espazos rurais da nosa Comunidade e divulgar o bo traballo que están a facer os nosos profesionais”.

Así mesmo, o conselleiro trasladoulles os seus parabéns polo avance desta produción, que se suma á intensa temporada de filmacións protagonizada pola industria audiovisual galega nos últimos meses con financiamento da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, tanto a través das axudas anuais para producións de cinema e de televisión como do fondo para a atracción de rodaxes do Hub Audiovisual, e que teñen previsto a súa estrea ao longo deste ano 2023.

Así, por exemplo, atópanse xa en proceso de postprodución filmes como Justicia artificial e Un pasado por delante, rodados este outono na cidade da Coruña; O corno, na contorna natural da Illa de Arousa e a zona do Rosal (Pontevedra); Los Argonautas, na Costa da Morte e na cidade herculina, eas segundas temporadas das series Rapa en Ferrol, Los enviados en varios puntos da provincia de Pontevedra e en Santiago, e Operación Marea Negra na ría de Arousa e o municipio compostelán.

Drama psicolóxico

No caso de As neves, a provincia de Lugo concentra a meirande parte das localizacións deste drama psicolóxico protagonizado por un grupo de adolescentes nunha remota comunidade do interior a raíz da desaparición dunha das súas amigas durante a celebración do Entroido.

Unha parte da xornada de traballo de hoxe consistiu na rodaxe de varias secuencias na casa familiar de Erea, unha das rapazas protagonistas interpretada por Andrea Fernández, e a sarxento Portas, a súa nai, á que lle dá vida Lucía Veiga.

As neves, de Cósmica Producións con Aquí y Allí Films na coprodución, é a primeira experiencia de Sonia Méndez como directora e guionista dunha longametraxe de ficción, se ben conta cunha recoñecida traxectoria de máis de 20 anos no sector audiovisual, tanto na dirección como no guión, actuación e produción, con galardóns como os premios Mestre Mateo á mellor curtametraxe nos anos 2011 e 2012 por As damas Negras e Conversación cunha muller morta. É, así mesmo, a directora do festival de contidos dixitais Carballo Interplay.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/01/2023