O 061 de Galicia asistiu 72 persoas por 57 accidentes de tráfico durante a Ponte dos Reis Magos

Desde as 15,00 horas do xoves, 5 de xaneiro, ata as 23,59 horas do domingo, 8 de xaneiro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 72 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 9 de xaneiro de 2023 Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a Ponte dos Reis Magos 72 persoas debido a 57 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do xoves, 5 de xaneiro, ata as 23,59 horas do domingo, 8 de xaneiro. O venres foi o día que rexistrou máis sinistros, con 20 accidentes de tráfico.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 72 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 57 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 72 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 58 % e do 42 % respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 29 % dos atendidos tiña entre 30 e 44 anos.

Por provincias, Pontevedra foi a que máis sinistros rexistrou con 24 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia
Accidentes
A Coruña
14
Lugo
10
Ourense
9
Pontevedra
24
Galicia
57

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 71. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en nove accidentes, o helicóptero medicalizado asistiu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico asistiron en 57 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en catro accidentes.

En 58 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 12 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e dúas persoas faleceron no punto.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/01/2023