A Xunta activa unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego

Agárdase mar combinado do noroeste con ondas de ata de 7 metros

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2023 A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar para esta tarde unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa, que afectará a toda a costa da comunidade, comezará na tarde de hoxe por mar combinado do noroeste con ondas de ata 6 metros aumentando ata 7 metros no noroeste.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, esta tarde estará activa a alerta amarela por precipitacións acumuladas en toda a provincia de Pontevedra; no oeste, suroeste e interior da Coruña; e no noroeste, no sur e na zona do Miño da provincia de Ourense. Nalgunhas zonas poden rexistrarse 15 mm. nunha hora.

Por outra parte, na pasada madrugada estivo activa outra alerta laranxa por vento do sur e do suroeste no noroeste da Coruña con refachos máximos de 120 quilómetros por hora. Ante episodios deste tipo é preciso seguir as medidas de protección, como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Data de actualización: 07/01/2023