A Xunta activa unha alerta laranxa por temporal costeiro na provincia da Coruña

Agárdanse ventos do suroeste de forza 7 no oeste do litoral coruñés desde esta tarde

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2023 A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro na provincia da Coruña.

 

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa comezará na tarde de hoxe no oeste do litoral coruñés con ventos do suroeste de forza 7, que localmente pode acadar forza 8 e os 74 quilómetros por hora no cabo Vilán.

 

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

 

No resto da costa da provincia coruñesa -noroeste e suroeste- estará tamén activa a alerta amarela por ventos do suroeste forza 7 e ata 61 quilómetros por hora. Ademais, en toda a provincia de Pontevedra o nivel de aviso será amarelo por precipitacións acumuladas de 15 mm. nunha hora, mentres que no oeste e suroeste da Coruña agárdanse acumulación de choivas de 40 mm. en 12 horas.

 

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

 

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Data de actualización: 06/01/2023