A Xunta apoia o servizo Dedaleira da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia especializado en asesoramento afectivo-sexual

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, vén de asinar o convenio de colaboración con Acadar para financiar esta iniciativa co obxectivo de previr a violencia sexual entre este colectivo

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, vén de asinar un convenio de colaboración coa Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar) para manter e reforzar o funcionamento do servizo Dedaleira, especializado en información e asesoramento afectivo-sexual destinado a este colectivo co obxectivo, entre outros, de previr a violencia sexual.

O servizo Dedaleira está destinado ás persoas con discapacidade, ás súas parellas, familiares e persoas da súa contorna social ou institucional, no que se inclúe asesoramento individualizado, intervención social e psicosexolóxica, accións de formación grupal, e o acompañamento e a atención a persoas que viviron ou están a vivir situacións de abusos a través da Unidade Querelar. Dentro desta unidade tamén se contempla o asesoramento xurídico que as persoas con discapacidade ou da súa contorna poidan precisar, xa que se percibe unha alta demanda en materia de asesoramento legal, pois as mulleres e nenas con discapacidade se atopan cun maior descoñecemento e desprotección.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina a este fin un total de 55.000 euros, unha iniciativa que se enmarca nas accións que a Xunta leva a cabo para loitar contra a violencia de xénero e promover a igualdade entre mulleres e homes. As contas da área de Igualdade do departamento autonómico increméntanse con respecto a 2022 nun 41,44%, ata chegar aos 44,5 millóns de euros, para seguir mantendo, reforzando e ampliando os recursos neste eido. Respecto a 2021, o aumento é do 61,27%. Dos 44,5 millóns, un total de 20,5 millóns, un 14,71% máis que en 2022, investiranse nos recursos, servizos e prestacións que a Xunta pon a disposición das vítimas de violencia de xénero.

 

Data de actualización: 07/01/2023