Os avances da Unidade de Diagnóstico por Imaxe do Sergas chegan ata o Congreso da Sociedade Norteamericana de Radioloxía

A súa presenza nunha cita de renome na especialidade de radiodiagnóstico, sitúaa como un servizo modélico no sistema público sanitario

Os dous traballos presentados pola unidade falan das múltiples vantaxes que ofrece a resonancia magnética fronte a outros sistemas de diagnose

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2023

A Unidade de Diagnóstico por Imaxe do Sergas e xestionada por Galaria, presentou recentemente dous dos seus traballos sobre resonancia magnética no Congreso da Sociedade Norteamericana de Radioloxía (RSNA). Considerado o evento mundial de referencia na especialidade de radiodiagnóstico, este congreso, celebrado en Chicago, reúne anualmente a máis de 45.000 profesionais deste ámbito.  

Os dous traballos presentados pola Unidade do Sergas tratan en profundidade as vantaxes que ofrece a Resonancia Magnética fronte a outros métodos de diagnóstico. No titulado “As múltiples caras das lesións en rampa do menisco medial”, abórdase como recoñecer estas lesións e a importancia dun diagnóstico correcto coa Resonancia Magnética para poder realizar o tratamento terapéutico, que habitualmente pasan desapercibidas na artroscopia convencional.  

O segundo traballo “Lesións prostáticas e periprostáticas hipertensas en T2 e as súas características na Resonancia Magnética”, recolle o resultado das lecturas e visualizacións dos máis de 600 estudos de RM multiparamétrica de próstata que se realizan cada ano na Unidade de DI, sendo esta a técnica máis avanzada para detectar o cancro de próstata de forma inocua.

Un servizo pioneiro

Dende o ano 2006, o Sergas conta cun servizo de telerradioloxía grazas á Unidade Móbil de Diagnóstico por Imaxe, un modelo de atención sanitaria único no sistema público español. A presenza destas unidades móbiles nos centros comarcais achega a tecnoloxía aos pacientes galegos, realizando ata o momento 200.000 probas.

Este mesmo ano, o Sergas renovou os equipos das unidades móbiles, incorporando avances que permiten obter imaxes de maior calidade cun tempo menor e pasando dun habitáculo de 60 a 70 centímetros de diámetro, mellorando así o confort dos pacientes. Esta renovación, equivalente á que se está a realizar en centros de referencia de maior tamaño, ofrécelle unha tecnoloxía pioneira aos pacientes dos hospitais comarcais.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/01/2023