A AGASP formou o ano pasado 4.420 efectivos das forzas e corpos de seguridade en case 200 cursos

A Academia Galega de Seguridade Pública ocúpase tamén do proceso de selección de policías locais, como os 117 integrantes da 14ª promoción de policía local que despedirán a súa etapa formativa o 19 de xaneiro cun tramo do Camiño de Santiago

Outros 246 axentes realizaron o curso selectivo obrigatorio para tomar posesión das súas prazas de auxiliares de policía local

Este ano acollerá a 15ª promoción, incluíndo os aspirantes que superen todas as probas para cubrir 84 prazas en 23 concellos galegos

Desde 1993 formáronse na AGASP 168.520 persoas

A Estrada (Pontevedra), 5 de xaneiro de 2023 A Xunta destaca o traballo dos policías locais nos concellos galegos e a importancia da actualización continua dos coñecementos dos corpos e forzas de seguridade que se leva a cabo na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), o centro de referencia da formación dos axentes de Policía Local, Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil que traballan en Galicia. Ao longo do ano pasado, na AGASP formáronse 4.420 efectivos destes corpos de seguridade en 191 cursos para reforzar a súa preparación de cara ás súas intervencións.

 

As actividades destinadas a estes efectivos inclúense no plan da formación continua anual da Academia, con propostas dirixidas tamén aos servizos de emerxencias como as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) e os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).

 

A Academia está a formar ademais o alumnado das oposicións para optar a prazas de policía local centralizadas pola Xunta. A Administración autonómica publicou a finais de 2017 un decreto para unificar na AGASP os procesos selectivos de auxiliares e policías locais dos concellos que así o decidisen de forma voluntaria, e xa son 89 os municipios que se adheriron a este procedemento.

 

Os 117 alumnos da 14ª promoción de Policía Local rematarán as súas clases o próximo 19 de xaneiro, antes de tomar posesión o 14 de febreiro nos seus concellos de destino. Neses últimos días de formación -do 16 ao 19 de xaneiro- realizarán, ao igual que o ano pasado, un tramo do Camiño de Santiago para compartir as últimas xornadas cos compañeiros e compañeiras e cos seus 46 docentes.

 

Collerá o relevo a estes axentes o alumnado que integrará a 15ª promoción de Policía Local da que, entre outros, formarán parte os aspirantes que superen todas as probas do proceso de selección para optar a 84 prazas da categoría de policía de 23 concellos.

 

Cómpre engadir que o ano pasado 246 auxiliares de policía local superaron tamén na Academia algunha das seis edicións impartidas do curso selectivo obrigatorio para tomar posesión das súas prazas. Para ingresar nos corpos de policía local é necesario superar este curso de 850 horas como mínimo na AGASP. Deste xeito, no primeiro trimestre de 2023 coincidirán na Academia xunto co alumnado da 15ª promoción de Policía Local as novas promocións de oficiais e inspectores.

Preto de 170.000 efectivos formados desde 1993

Na Academia Galega de Seguridade Pública formáronse no período 1993-2022 un total de 168.520 persoas. Desta cifra, 2.924 formaron parte das distintas promocións de Policía Local e das categorías de mandos. Por unha banda, 1.742 corresponden ás 14 promocións de Policía Local -834 alumnos- e ás 25 de gardas de Policía Local, con outros 908 integrantes. A eles súmanse outros 492 axentes formados nas promocións das categorías de mandos: 272 nas 18 promocións de mandos (sarxentos, cabos e suboficiais) e os 219 restantes das sete promocións de inspector de Policía Local, das oito de oficial e das tres de intendente. 

 
Á marxe dos case 3.000 efectivos das promocións anteriores, outros 165.326 alumnos corresponden a membros das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias da comunidade que participaron nestes anos nos milleiros de cursos incluídos nos plans de formación continua da Academia, co obxectivo de actualizar os seus coñecementos.

Data de actualización: 05/01/2023