A directora xeral de Patrimonio Natural e o delegado da Xunta en Pontevedra visitaron hoxe unha explotación en Rodeiro que se beneficiou destas subvencións o ano pasado

A Xunta destinará este ano 1,73 M€ ás axudas para previr e paliar os danos ocasionados polo xabaril

Belén do Campo anuncia que as subvencións para aplicar medidas preventivas ante a fauna silvestre e para instalar valados fixos se poderán solicitar a partir deste venres

Subliña que, ademais de apoiar ao sector cos gastos para adquirir peches, pastores eléctricos e cans defensores do gando, a Xunta tamén manterá o seu esforzo para garantir indemnizacións ás explotacións afectadas polos ataques destes animais

Rodeiro (Pontevedra), 4 de xaneiro de 2023 A Xunta de Galicia destinará en 2023 un orzamento total de 1,73 millóns de euros ás axudas para adoptar medidas de prevención fronte aos ataques do xabaril —0,28 M€— e a pagar as indemnizacións para paliar os danos causados por esta especie en cultivos e explotacións agrogandeiras —1,45 M€—.

Acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e do alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, visitou esta mañá unha explotación de bovino deste municipio que resultou beneficiaria de ambas ordes de axudas o ano pasado: 2.500 euros para compensar os danos sufridos no millo e outros 600 euros destinados a comprar dous pastores fotovoltaicos.

Tras subliñar que este concello pontevedrés é un dos máis afectados da comarca do Deza polos ataques do xabaril, a directora xeral anunciou que o Goberno galego manterá en 2023 o esforzo económico que vén facendo xa nos últimos anos para apoiar ao sector agrogandeiro e á poboación do rural na súa convivencia coa fauna silvestre.

Así, anunciou que mañá sairán publicadas no DOG dúas ordes de axudas para, por un lado, implantar medidas preventivas fronte ao lobo, o oso e o xabaril en explotacións gandeiras, agrícolas e de autoconsumo, cunha dotación de 1,06 millóns de euros; e por outro, para contribuír aos custos derivados da instalación de valados fixos para protexer ao gando dos ataques do lobo, unha liña á que se destinarán 400.000 euros.

A partir deste venres e durante o prazo dun mes, Belén do Campo explicou que todas as persoas interesadas poderán acollerse a estas novas convocatorias de axudas, grazas ás cales a Xunta mobilizará en 2023 algo máis de 1,4 millóns de euros só para apoiar ao sector na implantación de medidas efectivas que protexan as súas propiedades do impacto causado pola fauna silvestre coa que comparten o territorio.

En concreto, entre as medidas de prevención subvencionables referiuse á adquisición e manutención de cans para protexer e defender o gando (ata 300 euros por exemplar e 200 euros para gastos de alimentación, cun límite de 3 cans por explotación); á compra de pastores eléctricos (ata 600 euros para comprar como máximo 3 pastores); e á instalación de cerrumes con mallas electrificadas (8 mallas e 800 euros por explotación).

En todo caso e ademais das subvencións para prevención que se convocan mañá, a directora xeral explicou que xa no mes de decembro se publicou outra orde de axudas para compensar os danos ocasionados polo lobo, cun orzamento reservado de 646.000 euros, a mesma contía que en 2022.

Medidas preventivas e indemnizacións fronte aos xabarís

No caso das medidas fronte aos xabarís, Belén do Campo engadiu que o pasado 21 de decembro tamén se convocou a orde de subvencións para paliar o impacto deste tipo de incursións nos cultivos agrícolas ligados a explotacións profesionais e a propiedades particulares, cun orzamento inicial de 1,45 millóns de euros.

A tal fin, indicou que se subvencionarán os danos producidos por esta especie entre o 11 de outubro de 2022 e o 10 de outubro deste ano e que, como principal novidade, a contía máxima da axuda será nesta ocasión de 2.750 euros por explotación, é dicir, 250 euros máis que na convocatoria anterior.

Ao orzamento destinado pola Xunta para indemnizar aos afectados polas incursións do xabaril nos seus cultivos hai que sumar tamén os 286.000 euros reservados para previr ou minimizar os danos dentro da orde de axudas que se publicará mañá no DOG. Dúas liñas de subvencións que, como subliñou a directora xeral, se enmarcan no paquete de medidas impulsadas por parte do Goberno galego para xestionar a abundancia desta especie na Comunidade e facer compatible a súa presenza en moitas comarcas coa viabilidade das explotacións agrogandeiras existentes.

Así, indicou que desde o ano 2016 Galicia destinou case 10 millóns de euros a estas axudas, incluído xa o orzamento reservado para 2023, o que supón a maior contía mobilizada a tal fin por unha Comunidade autónoma.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/01/2023