Galicia rexistrou un decembro moi cálido e moi húmido, con precipitacións case un 60% por riba do habitual

O avance do informe climatolóxico de MeteoGalicia conclúe que o mes pasado foi o terceiro máis cálido da serie histórica, con medias 2,3 graos superiores ao normal

Agás durante a primeira semana, o período caracterizouse pola constante entrada de borrascas atlánticas que deixaron importantes cantidades de auga no conxunto da Comunidade pero que tiveron unha incidencia especial na provincia de Pontevedra
 

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2023

Galicia despediu 2022 cun mes de decembro moi cálido e tamén moi húmido, durante o que as chuvias rexistradas no conxunto da territorio superaron en case un 60% os valores que habitualmente se recollen nesta época do ano. 

Segundo o avance do último informe climatolóxico mensual elaborado por MeteoGalicia, a precipitación media acumulada neste período foi de 307 litros por metro cadrado, uns rexistros que reflicten con claridade que as chuvias acumuladas na Comunidade superaron os valores climáticos normais para decembro, que habitualmente xa é o mes máis chuvioso do ano. 

En canto á temperatura media, situouse 2,3 graos por riba do esperado tendo en conta os datos rexistrados nas estacións máis representativas durante o período de referencia 1981-2010, o que fai que a recta final do ano tamén se considere moi cálida. De feito, foi o terceiro mes de decembro coa anomalía de temperatura máis alta de toda a serie histórica, superada tan só polas que se rexistraron en 2015 e en 1989. 

O período caracterizouse en xeral pola constante chegada de borrascas atlánticas á Comunidade, coa única excepción da primeira semana do mes. Esta situación explica por que decembro, no seu conxunto, rematou cun balance de chuvias moi superior ao agardado, unha tónica que xa se detectara tamén nos anos 2019 e 2020, que rexistraron neste mesmo período precipitacións un 68% e un 67% por riba do habitual, respectivamente. 

Así mesmo, decembro foi moi húmido en xeral no conxunto de Galicia. En todo caso, cómpre subliñar as precipitacións acumuladas na provincia de Pontevedra, con valores que chegaron a superar os 600 l/m2; e a situación da comarca ourensá de Valdeorras cos rexistros de chuvia máis moderados de Galicia, 73 l/m2, e onde choveu menos do normal. 

Por último e no que respecta ao comportamento dos termómetros, os datos obtidos a partir das estacións meteorolóxicas máis representativas de Galicia reflicten que a temperatura media en decembro se situou 2,3 graos por riba do agardado nesta época do ano, aínda que no caso das mínimas esta anomalía foi incluso maior (+3 graos). 

En xeral, a temperatura media estivo no conxunto da Comunidade moi por riba do que cabería agardar en decembro debido fundamentalmente á persistencia dos ventos de compoñente sur que achegaron aire morno e moitas nubes que impediron que as temperaturas descendesen durante as madrugadas. 

Por áreas xeográficas, os valores máis altos concentráronse no oeste de Pontevedra, onde se chegaron a acadar os 17,1 graos, mentres que nas zonas ourensás do macizo de Manzaneda e de Pena Trevinca, as temperaturas medias durante este período movéronse ao redor dos 2,9 graos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/01/2023