A Xunta adxudica por máis de 2 M€ as obras de mellora integral do sistema de abastecemento municipal do concello de Arbo

As actuacións, cun prazo de 8 meses, inclúen unha nova estación de tratamento de auga potable, a renovación do bombeo principal, unha nova tubaxe de impulsión cara ao Couto, e unha nova conexión entre os depósitos do Couto e Paravedra

O obxectivo é solucionar os problemas no sistema de abastecemento municipal, mellorando a rede e asegurando a subministración de auga no verán

Esta intervención enmárcase no convenio asinado entre a Xunta, que achegará o 80% do orzamento e executará as obras, e o Concello de Arbo, que aportará o 20% restante

A Xunta segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos nas súas responsabilidades municipais de saneamento e depuración
 

Santiago de Compostela,  4 de xaneiro de 2023

A Xunta vén de adxudicar por máis de 2 millóns de euros as obras de mellora integral do sistema municipal de abastecemento do concello de Arbo. 

As actuacións, adxudicadas á empresa Espina Obras Hidráulicas, S.A., contarán cun prazo de execución de 8 meses. 

Executaranse unha nova estación de tratamento de auga potable, así como actuacións de renovación do bombeo principal, unha nova tubaxe de impulsión cara ao Couto, de maior diámetro, e unha nova conexión entre os depósitos do Couto e Paravedra. 

Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Arbo.  

A Xunta apoiará ao Concello no desenvolvemento das súas competencias coa achega do 80% do orzamento, ademais de contratar e executar as obras. Pola súa banda, o Concello achegará o 20% restante e asumirá recepción e mantemento e explotación destes servizos municipais.

 As obras serán financiadas pola Unión Europea no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta á pandemia da covid-19.
 

Obras

O concello de Arbo dispón, actualmente, dun sistema de abastecemento baseado na captación de auga nos ríos Cea e Deva, mediante a impulsión aos depósitos do Couto. Estas instalacións son moi antigas, polo que sofren importantes perdas e o subministro non está garantido, sobre todo en época estival. 

A intervención busca solucionar as deficiencias detectadas na captación do río Deva, que abastece á practica totalidade do municipio, tras rematarse en xullo do 2021 a primeira fase das obras realizadas por Augas de Galicia, de impermeabilización dos depósitos e instalación de equipos para o control do caudal e cloro libre. 

As obras comprenden unha nova estación de tratamento de auga potable no Couto, a renovación das estacións de bombeo principais e a execución doutro bombeo coas súas correspondentes impulsións, 4 km de tubaxe en total, xunto coa rehabilitación de dous depósitos. 

Coa execución destas actuacións búscase resolver os problemas no sistema de abastecemento municipal, mellorando a rede e asegurando o abastecemento estival, minimizando as perdas de auga e optimizando os depósitos. 

Para executar o bombeo de Praia do Val substituiranse os equipos de bombeo existentes por 1+1 con novas bombas centrífugas verticais. Será precisa a renovación da caldeiraría e a valvulería. O bombeo contará cun sistema de control, xestión e supervisión composto por un autómata programable con pantalla táctil e sistema de telexestión avanzada mediante comunicación 4G. Na impulsión entre Praia do Val e O Couto mudarase a tubaxe de impulsión por unha nova de algo máis de 2 km de lonxitude.  

A obra na estación de tratamento de auga potable no Couto está deseñada para tratar un caudal de 50m3/h. A auga bruta procedente do novo bombeo de Praia do Val entrará directamente na cámara de mestura onde se inicia o tratamento. Todos os equipos, salvo o pretratamento compacto, aloxaranse nun novo edificio. 

O bombeo do Couto executarase sobre o depósito O Couto 1, nunha caseta existente, colocaranse 1+1 bombas centrífugas verticais. O bombeo contará, tamén, cun sistema de control, xestión e supervisión composto por un autómata programable con pantalla táctil e cun sistema de telexestión avanzada mediante comunicación 4G.  

No caso da impulsión entre O Couto e Paravedra substituirase a tubaxe de impulsión por unha de 80 mm de diámetro e máis de 2,1 km lonxitude total. Ademais rehabilitaranse os depósitos do Couto e de Paravedra. 

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos municipais de saneamento, depuración e abastecemento e  continuar mellorando a calidade de vida da poboación no rural.

Data de actualización: 04/01/2023