A Xunta lamenta a falta de diálogo do Goberno central coa Lei de Familias, que afectará negativamente ás numerosas e ás monoparentais

Reclama que non desapareza a denominación de familia numerosa, tal e como están demandando diferentes asociacións e federacións
 

Alerta de que deixaría sen título a centos de familias monoparentais e, polo tanto, as vantaxes que concede
 

Tamén critica que non se permitira contar coas achegas das Comunidades Autónomas, invada as súas competencias e non teña financiamento
 

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2023

  A Xunta de Galicia presentou á Lei de Familias do Goberno central un conxunto de alegacións posto que, entre outros aspectos, invade competencias autonómicas, non foi elaborada coa participación e achegas das Comunidades e afectará negativamente tanto as familias numerosas como as monoparentais.

No escrito que trasladou ao Executivo nacional, o Goberno galego reclama que non desapareza a denominación de familia numerosa, tal e como están demandando diferentes asociacións e federacións. A Xunta de Galicia critica que entre a variada lista de familias que recolle a Lei non apareza esta tipoloxía.
 
Así mesmo, nas alegacións alértase de que a normativa limita o concepto de familia monoparental e esquécese de que as Comunidades xa teñen regulado esta tipoloxía. De feito, hai anos que a Xunta concede un título acreditativo con vantaxes asociadas a estas familias. Polo tanto, se non se modifica o borrador da lei, centos de familias na nosa comunidade perderán o título xa recoñecido.
 

Ademais, o Goberno galego critica que tampouco haxa financiamento para mellorar a vida das familias. Neste sentido, non contén ningún avance en relación á primeira etapa educativa dos nenos, polo que o Executivo central segue sen destinar un só euro a garantir a gratuidade das escolas infantís, medida pioneira da Xunta de Galicia e que está a ter gran acollida entre as familias.

Outro dos puntos que denuncia a Xunta é que non se quixo contar coa participación nin coas achegas das Comunidades para elaborar este marco normativo que invade competencias autonómicas. Por esta razón Galicia reclama unha reunión presencial do Consello territorial de Servizos Sociais para analizar o texto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/01/2023