A Xunta impulsa máis de 220 plans de internacionalización de pemes galegas en preto de medio centenar de países

O Diario Oficial de Galicia recolle a resolución da última convocatoria do Galicia Exporta Empresas que facilita actuacións como a participación en accións de promoción internacional, a planificación de axendas de contactos e seguimento de clientes no exterior ou a xestión de acordos comerciais internacionais

Destacan entre os destinos dos plans apoiados mercados como Alemaña, Italia, Colombia, Estados Unidos, México, Emiratos Árabes Unidos, Reino Unido ou Xapón

As empresas beneficiarias pertencen a sectores como a alimentación, as TIC, o téxtil, os servizos, a madeira-moble, o naval e a construción

A Administración autonómica segue a reforzar así a colaboración co tecido empresarial galego, que está a acadar rexistros históricos de exportacións, rozando os 25.000M€ exportados nos primeiros dez meses de 2022
 

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución dunha nova convocatoria do programa Galicia Exporta Empresas, unha das liñas de apoio á presenza exterior das compañías galegas que a Administración autonómica ten en marcha. A través dela promoveranse desta volta máis de 220 plans de internacionalización de pemes galegas en preto de medio centenar de países. 

Os plans apoiados facilitan, entre outras iniciativas, a participación en accións de promoción internacional, campañas en medios no estranxeiro, a planificación de axendas de contactos e seguimento de clientes no exterior ou a xestión de acordos comerciais internacionais. O conxunto dos apoios supón unha mobilización de máis de 5M€ e cobren o 70% dos custos dos plans de internacionalización, cunha achega máxima por solicitude e compañía de ata 91.000 euros.  

Por sectores produtivos, destacan as empresas beneficiarias do ámbito da alimentación, as TIC, o téxtil, os servizos, a madeira-moble, o naval ou a construción. En canto aos principais países de destino elixidos, atópanse Alemaña, Francia, Italia, Colombia, Estados Unidos, México, Emiratos Árabes Unidos, Reino Unido ou Xapón. Así mesmo, os plans de internacionalización permitirán chegar a outros mercados como Islandia, Tailandia, Costa Rica, Libia ou Singapur.  

Na procura de impulsar a internacionalización do tecido produtivo galego, permitindo ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización, a Vicepresidencia primeira, a través do Igape, activou tamén o Galicia Exporta Organismos Intermedios, que busca apoiar iniciativas colectivas coordinadas por agrupacións empresariais, e o Galicia Exporta Dixital, que permite ás empresas apostar por ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización. 

A través do Galicia Exporta Organismos Intermedios promovéronse, na última convocatoria, 185 proxectos correspondentes a misións directas ou visitas a feiras no estranxeiro, a participacións como expositores en feiras internacionais (24,5%) ou a misións inversas desde o estranxeiro de importadores, distribuidores, medios de comunicación e outros prescritores. E, pola súa banda, o Galicia Exporta Dixital aprobou preto de 180 proxectos cun investimento inducido de 7,7M€. 

A aposta pola internacionalización

Todos estes programas enmárcanse na Estratexia de Internacionalización do Goberno galego, a folla de ruta que busca facilitar a saída ao exterior das pemes da Comunidade apostando pola dixitalización e a diversificación de mercados. 

Neste sentido, as vendas ao exterior están a acadar rexistros históricos, rozando xa nos primeiros dez meses de 2022 os 25.000M€ exportados, o que supón un incremento do 20,6% con respecto ao mesmo período de 2021. Deste xeito, e a falta de coñecer os datos dos dous últimos meses de 2022, Galicia superará o récord acadado no total de 2021, cando se exportaron preto de 25.270M€. 

Para seguir contribuíndo a estas cifras, a Xunta destinará este ano máis de 20 millóns de euros a colaborar co tecido empresarial galego para manter o mellor ciclo exportador da súa historia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/01/2023