A Xunta destinou en 2022 máis de 471.000 € a apoiar melloras nos locais de 31 asociacións veciñais de Ourense

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaron as instalacións da asociación de veciños Quince de agosto, en Reza, que recibiu 12.000 euros
 

A entidade mellorou a eficiencia enerxética e a accesibilidade a prol dun maior confort das persoas usuarias
 

O Goberno galego apoia o asociacionismo local a través do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais, dotado con 3 M€
 

Ourense, 4 de xaneiro de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaron hoxe o local social da asociación de veciños de Reza Quince de agosto para comprobar as accións desenvolvidas co apoio da Xunta. A entidade recibiu 12.000 euros ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria, que serviron para mellorar a eficiencia enerxética e a accesibilidade das instalacións. No conxunto da provincia de Ourense, o Goberno galego destinou o pasado ano máis de 471.000 euros a apoiar melloras nos locais sociais de 31 asociacións veciñais.

No caso da entidade Quince de agosto, as axudas permitiron substituír a porta de entrada e as fiestras, a prol dunha maior seguridade e un menor consumo enerxético. A maiores adecuouse o aseo para facilitar a súa utilización por persoas con mobilidade reducida. O obxectivo é garantir o confort das persoas usuarias destas instalacións. As melloras realizadas complementan as do ano 2020, no que a asociación tamén contou co apoio da Xunta cunha achega de 17.000 euros para obras e equipamento.

Na súa visita Natalia Prieto salientou a boa acollida destas axudas entre as asociacións veciñais, que levou o Goberno galego a consolidar neste exercicio o orzamento de 3M€ do Plan específico de acción comunitaria destinado ao asociacionismo local. A directora xeral situou o apoio a estas entidades como unha das prioridades da Xunta, xa que favorecen a dinamización social dos barrios e atenden as necesidades formativas e de lecer da veciñanza.

A medida beneficia tamén as asociacións de mulleres rurais e de comunidades de usuarios de augas. Na provincia ourensá, o total de entidades beneficiadas en 2022 ascendeu a 37 e as achegas sumaron máis de 500.000 euros, xa que a maiores dos máis de 471.000 destinados a 31 colectivos veciñais se acolleron á liña de axudas tres comunidades de usuarios de augas e outras tantas asociacións de mulleres rurais. Recibiron 36.000 e 25.000 euros respectivamente.

Desde a súa posta en marcha, en 2016, a Xunta leva investido no Plan preto de 16 millóns de euros cos que se apoiaron máis de 1.300 proxectos en toda Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/01/2023