A Xunta participa na presentación do Plan territorial de sustentabilidade turística de enogastronomía do que se beneficiarán 30 concellos na provincia de Ourense

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, precisou que este Plan dará lugar a tres intervencións na provincia
 

A iniciativa dotada con 34,5 M€ engloba actuacións en 80 concellos das 4 provincias galegas que teñen como obxectivo a promoción da nosa comunidade como destino enogastronómico de primeiro nivel
 

Ourense, 3 de xaneiro de 2023 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participaron hoxe na presentación dos Plans de Sustentabilidade Turística de Enogastronomía na provincia de Ourense, do que se beneficiarán 30 concellos que contarán con 4 millóns de euros para levar a cabo 3 dos Plans aprobados na Conferencia Sectorial de Turismo, a proposta do Goberno galego.

Durante a súa intervención, Nava Castro puxo en valor os tres Plans que se levarán a cabo na provincia de Ourense, que serán o PSTD Valdeorras, Ruta do Viño Milenaria (O Barco, A Rúa, A Veiga, O Bolo, Petín, Vilamartín, Rubiá, Larouco, Carballeda), que conta con 1,5 millóns de euros para a posta en valor da súa Ruta do viño e as súas covas centenarias, entre outras accións; o PSTD Ribeiro – O Carballiño (Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Ribadavia, Beariz, Boborás, O Carballiño, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro, San Cristovo de Cea, Padrenda e Pontedeva), cunha dotación orzamentaria de 1,5 millón de euros e que tamén porá en valor a Ruta do viño do Ribeiro entre outras accións; e o PSTD O Carballiño e a gastronomía do Polbo, do concello do Carballiño, con 1 millón de euros.
 

Estas intervencións forman parte do Plan Territorial de Galicia, que está composto por 3 Actuacións de Cohesión en Destino (ACD), cun investimento de 14,9 millóns de euros, e 11 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD), impulsados por entidades locais, que recibirán un total de 17 millóns de euros. O Plan Nacional de Enogastronomía contempla en Galicia tamén 2 PSTD nacionais que contan cun orzamento de 2,6 millóns de euros.

O Plan, dotado con 34,5 millóns de euros, engloba actuacións en 80 concellos das 4 provincias galegas que teñen como obxectivo a promoción da nosa comunidade como destino enogastronómico de primeiro nivel, poñendo en marcha actuacións transformadoras en diferentes áreas do territorio.
 
Entre esta accións está a posta en valor dos territorios vitivinícolas, a mellora da comercialización e da promoción de novos produtos turísticos vinculados á enogastronomía galega, a promoción da xestión sostible desde os destinos e a potenciación do territorio enogastronómico galego como un espazo de desenvolvemento turístico cun forte contido na dixitalización e na innovación gastronómica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/01/2023