Preto de 1.500 estudantes de Primaria e ESO de 69 colexios participarán esta primavera nas estadías lingüísticas ‘Spring Week’ da Xunta de Galicia
O obxectivo é estimular a práctica oral do alumnado de 6º de Primaria a 4º de ESO en lingua inglesa, co apoio de profesorado nativo, e fomentar a convivencia
O programa desenvolverase do o 16 de abril ao 17 de xuño nun centro residencial en Galicia, de domingo a sábado
É unha das accións previstas na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2030
Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2023 Preto de 1.500 estudantes de 69 colexios e institutos de toda Galicia participarán esta primavera no programa de estadías lingüísticas Spring Week, que se desenvolverá entre o 16 de abril e o 17 de xuño de 2023. O listado de datas e colexios participantes (a razón de 28 da provincia da Coruña, 13 de Lugo, sete de Ourense e 21 de Pontevedra) pode consultarse no Portal Educativo.
O programa, que está dirixido a estudantes de 6º curso de Educación Primaria e de toda a etapa de ESO de centros públicos que o solicitaran, desenvolverase nun centro residencial situado en Galicia durante sete días e ten como obxectivo a estimulación da práctica oral da lingua inglesa e a súa utilización en contextos comunicativos máis amplos que os que permite a contorna escolar.
Durante a estadía, que se realizará en quendas semanais de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá, o alumnado contará co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa. As actividades fomentarán a convivencia e xirarán arredor de temáticas de interese cultural, social, artístico e medioambiental.
A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa e promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sostibilidade e o coñecemento da contorna (enerxías renovables, produción e consumo responsable, cidades sostibles, acción polo clima...), segundo se recolle nos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.
Documentos relacionados
-
SpringWeekProvinciaCoruna
- SpringWeekProvinciaLugo
- SpringWeekProvinciaOurense
- SpringWeekProvinciaPontevedra
Data de actualización: 03/01/2023Novas relacionadas
- SpringWeekProvinciaLugo