A Xunta destinará este ano 7 M€ en apoio á actividade de entidades deportivas da comunidade

Os convenios que se asinarán coas 59 federacións da comunidade suporán unha achega de 5M€, a cifra máis elevada
 

Para o desenvolvemento da actividade de clubs, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado de Galicia investiranse 2M€ en axudas, a mesma contía que no pasado exercicio
 

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2023

  A Xunta destinará neste ano 7 millóns de euros para o funcionamento das entidades deportivas da comunidade. Por unha parte, 2 millóns de euros en axudas ao desenvolvemento da actividade de clubs, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos deportivos. A esta contía engádense os 5 millóns de euros que o Goberno galego reservará para a formalización de convenios con 59 federacións deportivas, co obxectivo de que estas entidades poidan levar a cabo a totalidade das súas funcións e actuacións. 

O orzamento da convocatoria de axudas a clubs, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas mantense neste ano en 2 millóns de euros, despois de ter subido un 5% en 2022 respecto ao exercicio anterior. Este importe divídese entre dúas liñas de axudas: máis de 1,9 millóns de euros ao desenvolvemento de actividades deportivas polos clubs, sociedades anónimas e seccións deportivas e os case 90.000 euros restantes a núcleos de adestramento deportivo especializado (NADE).  
 

O ano pasado máis dun milleiro de entidades foron beneficiadas destas subvencións, a maioría, da primeira das liñas. A segunda delas vai dirixida aos seis centros NADE da comunidade, unha figura xurdida en 2020 pola que se regula o deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base de Galicia e que ten por finalidade a preparación técnico-deportiva orientada ao alto nivel ou ao alto rendemento deportivo.

A concesión de axudas para a actividade deportiva é unha actuación recorrente na programación anual da Administración autonómica con competencias na materia deportiva, cun investimento total de cerca de 29 millóns de euros desde 2009.
 
Ademais, a Administración autonómica asinará 59 convenios coas federacións deportivas por máis de 5 millóns de euros, un 8% máis que o importe destinado en 2022 e a dotación económica máis elevada da historia. Coa sinatura destes acordos, os cidadáns terán acceso á práctica da actividade deportiva federada, e un mellor servizo por parte das federacións deportivas galegas que poderán desenvolver de mellor xeito as súas funcións exclusivas.
 
Todas estas medidas forman parte do orzamento da Vicepresidencia Segunda para o ámbito deportivo en 2023, con máis de 44 millóns de euros que supoñen un incremento de case un 36% respecto a 2022 e unha contía récord.
 

Cómpre lembrar ademais que a Xunta continuará a inculcar á cativada desde idades temperás a importancia do deporte e dunha vida activa e saudable co programa Xogade (Xogos Deportivos Galegos en Idade Escolar) e co Plan Corresponsables, que sumaron case 130.000 participantes nas súas edicións deste 2022.

O programa Xogade agrupa toda a oferta deportiva e lúdica promovida pola Administración galega (escolar e federada) co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos e brindarlles á rapazada a posibilidade de practicar e competir cos clubs e centros educativos de toda a comunidade.
 
Por outra banda, o Plan Corresponsables puxo a disposición das familias galegas desde o verán actividades de animación socio deportiva participantes de ata 16 anos inclusive en colaboración con 18 federacións galegas, facilitando ao mesmo tempo a conciliación laboral, familiar e persoal.

O Goberno galego xa está a traballar nas novas convocatorias con 180.000 euros no caso do programa Xogade e de 3,5 millóns de euros previstos para o Plan Corresponsables. Cómpre lembrar tamén que para cubrir o seguro dos participantes do programa Xogade, a Xunta aprobou a póliza ata 2024 por 4,3 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/01/2023