A Xunta amplía con 330.000 euros adicionais a formación para desempregados en Ferrolterra que supera os 3,2 millóns de euros na edición 2022-2023


A delegada territorial, Martina Aneiros, destacou que o Goberno galego incrementa ata 64 o número de cursos nas tres comarcas, alcanzando as 20.614 horas formativas

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ampliou o orzamento para as AFD nun 45,7% con respecto á convocatoria 2021-22

A media de inserción laboral das alumnas e alumnos que participaron nos cursos nas últimas edicións foi do 60%
 

Ferrol, 3 de xaneiro de 2023

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a resolución da ampliación de crédito para as accións formativas para desempregados (AFD) que en Ferrolterra, se traduce en 337.845 euros adicionais que, sumados ao crédito inicial, permitirá alcanzar os 3,2 millóns de euros de investimento para a formación de persoas en situación de desemprego nesta área.

Esta ampliación de crédito incrementará en sete o número de cursos a impartir, alcanzando os 64 nesta edición 2022-2023 nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, o que se traducirá nun total de 20.614 horas formativas (3.516 horas máis que as previstas inicialmente). A ampliación do orzamento destinado ás AFD tamén incrementará o número de entidades beneficiarias, pasando das 12 iniciais a 13.

No conxunto de Galicia, a Xunta ampliará con 15M€ adicionais a formación para desempregados, alcanzando os 65 millóns de euros (un 45,7% máis que na convocatoria 2021-2022) o que permitirá formar a 21.420 persoas.

“A convocatoria deste ano pon o acento en temáticas con maior demanda ou perspectivas de emprego, con prioridade para contidos relacionados coa industria 4.0, competencias dixitais e áreas que demandan man de obra como a soldadura, servizos administrativos, xestión comercial ou deseño de caldeiraría e estruturas metálicas”, puntualizou a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros. Tamén porá o foco en competencias clave ou especialidades para obter certificados de profesionalidade. 

Poden acceder a estas accións as persoas traballadoras afectadas por expedientes de regulamento de temporal de emprego (ERTE), suspensións dos contratos de traballo ou por reducións de xornadas por causas económicas técnicas, organizativas ou de produción ou derivadas de forza maior. Aínda que os cursos van dirixidos principalmente a persoas desempregadas, admítese tamén a participación de ata un 30% das persoas traballadoras ocupadas, sempre e cando esta porcentaxe non se cubra con traballadores desempregados. Poden tomar parte tamén as persoas demandantes de servizos previos ao emprego. 

As alumnas e alumnos que desexen participar nestas accións poden facelo a través das oficinas de emprego, mediante solicitude ás entidades de formación beneficiarias da axuda autonómica e/ou directamente por medio da web https://emprego.xunta.gal

“A Xunta avoga pola formación para desempregados, unha formación que nas últimas convocatorias contou cunha media de inserción do 60%, é dicir que seis de cada dez persoas que toman parte nestas actuacións acceden ao mercado laboral”, puntualizou a delegada territorial. 

Máis formación para o emprego

De cara a este ano, a Xunta incrementa o orzamento destinado a formación para o emprego e orientación laboral nun 9,6% ata chegar aos 202,2 millóns de euros, para seguir mellorando a capacitación das mulleres e dos homes que o precisan. Trátase do 47% da contía global do orzamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade (432 M€) para o vindeiro ano. 

Dos 202,2 millóns de euros, un total de 104 investiranse no novo Plan galego de formación para o emprego co que o Goberno galego seguirá impulsando unha formación dual e flexible, adaptada ás tendencias do tecido produtivo e ao actual mercado laboral. Contará cun 26,8% máis que no exercicio anterior para chega a máis xente e con mellores programas. 

RESOLUCIÓN DA AMPLIACIÓN DO CRÉDITO PARA OS CURSOS AFD EN FERROL, EUME E ORTEGAL DA CONVOCATORIA 2022-2023

 
INICIAL
AMPLIACIÓN
FINAL
Número de cursos AFD
57 cursos
7 cursos
64 cursos
Número de horas

17.098 horas

3.516 horas

20.614 horas
Entidades beneficiarias

12 entidades

1 entidad
13 entidades
Investimento

2.923.229,10 €

337.845,30 €

3.261.074,4 €

Data de actualización: 03/01/2023