A Xunta amplía a súa colaboración coas universidades de Santiago e de Vigo para seguir impulsando o Inventario forestal continuo de Galicia

A Consellería do Medio Rural asinou unha addenda ao convenio subscrito en marzo de 2020 coa USC e coa UVigo para desenvolver estes traballos
 

A finalidade do inventario, contemplado no Plan Forestal de Galicia, é coñecer de maneira precisa e actualizada non só a cantidade de madeira rexistrada nos montes senón tamén a súa calidade, algo esencial para a planificación e a toma de decisións
 

O orzamento conxunto do convenio para o período 2020-2024 supera o millón de euros
 

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2023

A Xunta e as universidades de Santiago de Compostela e de Vigo amplían a súa colaboración para o desenvolvemento do Inventario Forestal Continuo de Galicia. A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, asinou unha addenda ao convenio subscrito con ambas institucións académicas en marzo de 2020. Así, mellorarase o acordo e ampliarase a súa vixencia ata finais de 2024. Ademais, en virtude desta addenda Medio Rural fará unha nova achega de 530.380 euros para financiar as actuacións correspondentes ás anualidades de 2023 e 2024.

A esta cantidade hai que engadir as aportacións da USC e da UVigo, por un importe total de 39.680 euros en ambas as dúas anualidades. Sumando todos estes fondos, aportados tanto pola Xunta como polas universidades, o orzamento conxunto do convenio, no período 2020-2024, supera o millón de euros.
 
A finalidade do Inventario Forestal Continuo de Galicia é coñecer -de maneira precisa e actualizada- non só a cantidade de madeira rexistrada nos montes galegos senón tamén a súa calidade, algo esencial para a planificación e a toma de decisións. Desta forma, xa nos próximos meses deste ano 2023 Galicia contará cun mapa forestal preciso que recollerá a superficie total forestal presente na nosa comunidade e repartida por formacións específicas.
 

Visor cartográfico

Cómpre salientar que os primeiros resultados deste inventario xa están dispoñibles para o público nun portal web, realizado en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. É unha páxina moi completa, onde se pode acceder a un visor cartográfico para a súa consulta ou a un centro que permite descargar diversos datos. Este espazo web enmárcase no convenio de colaboración que agora se prorroga coas universidades.

 

Dentro desas liña de colaboración, estanse a elaborar de xeito continuado resultados en forma de mapas e de datos provenientes das parcelas de inventariación que están a recoller as brigadas da empresa pública Seaga baixo os protocolos establecidos polas universidades galegas, e que serán os que se irán reflectindo no devandito portal web.

A posta en marcha do Inventario responde ao compromiso da Xunta co monte galego en xeral e, nomeadamente, co sector (manifestado a través do Consello Forestal), así como coa realización dun mandato parlamentario. Este mandado fíxose no ano 2018 a través do Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia.
 

Este documento sinalaba que era necesario crear un “Sistema de Información e Estatística Forestal de Galicia, como mecanismo que permitise facer diagnoses adecuadas e ser unha ferramenta esencial para a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector forestal.” O Inventario Forestal Continuo procura, precisamente, dar resposta a estas necesidades.

 Consello Forestal

Unha vez iniciados os traballos do Inventario, a Consellería do Medio Rural dirixiuse -en cooperación coas universidades galegas- ás entidades que compoñen o Consello Forestal de Galicia para trasladarlles unha enquisa electrónica co fin de coñecer as solucións ou requirimentos técnicos que as organizacións, asociacións e entidades involucradas no sector forestal galego desexaban que incorporase. Logo deste proceso inicial de escoita, acádanse xa máis de dous anos de traballos para dar resposta ás demandas establecidas polo Consello Forestal de Galicia.

O deseño e desenvolvemento do Inventario tamén está recollido no Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, dentro do eixe V (Estatística, formación e investigación forestal). Dise que esta ferramenta estará baseada “nun sistema de monitoraxe forestal continuada que, superando a problemática da pequena escala de propiedades e operacións e a elevada velocidade dos cambios, redunde en melloras da información obtida”.
 
Refírese á mellora dos datos “en canto á súa frecuencia, desagregación por especies, resolución espacial ou posibilidade de aproveitamento para a subministración á cadea monte-industria”. Ademais, tamén se cualifica o Inventario como un instrumento “de seguimento anual de superficies e recursos forestais, que detectará cambios de uso e de especies principais”.
 

Data de actualización: 03/01/2023