O Sergas publica a puntuación provisional da fase de concurso para o ingreso como persoal estatutario fixo en varias especialidades da categoría de facultativo especialista de área

Ofértanse un total de 21 prazas, ás que poderán optar 60 persoas aspirantes

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2023 O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a puntuación provisional da fase de concurso obtida polas persoas aspirantes que superaron a fase de oposición na última oferta pública de emprego na categoría de facultativo especialista de área nas especialidades de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía pediátrica, cirurxía plástica, estética e reparadora, Inmunoloxía e oncoloxía radioterápica.

Ofértanse neste proceso selectivo un total de 21 prazas, ás que poden optar 60 persoas aspirantes que superaron a fase de oposición. As listas, coas puntuacións provisionais, desagregadas por categoría/especialidade, atópanse publicadas a disposición dos interesados, na páxina web do Sergas (www.sergas.es/empregopúblico).

Para poder consultar o detalle da puntuación obtida nos distintos apartados do baremo, cada aspirante poderá acceder ao seu expediente profesional electrónico en Fides/Expedient-e/Sección de Procesos.

Os aspirantes dispoñen dun prazo de dez días hábiles para presentar reclamación contra os resultados da baremación provisional. A estimación ou desestimación das reclamacións presentadas entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas da fase de concurso, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Próximas actuacións

Está previsto que o día 11 de xaneiro se publiquen as puntuacións provisionais da fase de concurso das seguintes categorías: calefactor, cociñeiro, condutor, costureiro, electricista, fontaneiro, lavandeiro, logopeda, mecánico, pasador de ferro, pinche (libre, promoción interna e discapacidade xeral), pinche (discapacidade intelectual), técnico en farmacia (discapacidade intelectual), técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información, técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información, telefonista, terapeuta ocupacional e traballador social

As persoas aspirantes seleccionadas poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas co procedemento de elección de destinos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.

Data de actualización: 02/01/2023