A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático reuniuse con representantes desta organización

A Xunta e a Asemblea Cidadá para o Clima intercambian experiencias de cara á mitigación dos efectos do cambio climático

Sagrario Pérez lembra que Galicia asumiu o compromiso europeo de reducir as emisións de gases nun 57 % en 2030 e avanzar cara a unha Comunidade neutra, verde e resiliente

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2023

A Xunta e a Asemblea Cidadá para o Clima intercambiaron experiencias de cara á mitigación dos efectos do cambio climático durante unha reunión que mantivo a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, con representantes desta organización.

Durante o encontro, Sagrario Pérez ofreceu a esta Asemblea a Alianza galega polo clima como plataforma desde a que completar o plan de socialización do seu informe de recomendacións, xa que a mencionada Alianza ten por obxectivo unir esforzos para situar á Comunidade á cabeza das rexións europeas na loita contra o quecemento global e que conta xa con máis de 30 entidades adscritas, como universidades, empresas, autoridades portuarias e entidades deportivas.

Pola súa banda, os representantes da Asemblea Cidadá para o Clima expuxeron as conclusións do informe que elaboraron sobre as 172 recomendacións para abordar a loita contra este fenómeno en España. Neste senso, cómpre lembrar que esta entidade se creou ao abeiro da Lei 7/2021 do cambio climático e da transición enerxética co fin de contribuír ao proceso de toma de decisións achegando a visión da cidadanía.

De feito, esta organización configúrase como un foro de participación para xerar reflexión, coñecemento colectivo e que permite á cidadanía informarse, deliberar e xerar consensos sobre as posibles solucións ás grandes transformacións que é necesario acometer para alcanzar a neutralidade climática antes do ano 2050 e para facer un país máis resiliente aos impactos do quecemento global dunha maneira xusta e solidaria.

Na reunión tamén abordaron outras accións que está levando a cabo o Goberno galego de cara á mitigación dos efectos do cambio climático. Nesa liña, a directora xeral fixo fincapé en que se está a elaborar a Lei do clima de Galicia, cuxa remisión ao Parlamento está prevista para comezos do vindeiro ano 2023 co obxectivo de sometela á súa aprobación antes do verán e na que se tiveron moi en conta as recomendacións do Informe da Asemblea Cidadá.

Sagrario Pérez lembrou que Galicia asumiu o compromiso europeo de reducir as emisións de gases nun 57 % en 2030 e avanzar cara a unha Comunidade neutra, verde e resiliente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/01/2023