A Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais nunha instalación industrial do concello de Meis

Os técnicos do Plan de Control de Vertidos, xunto coa Gardería Fluvial de Augas de Galicia, detectaron este foco nunha inspección rutineira de control

'Os inspectores localizaron a orixe do foco nunha balsa de decantación da empresa, verificando mediante mostraxes que recibía as augas de escorrega afectadas polo tránsito de maquinaria no interior das instalacións, acadando un regato innominado

Augas de Galicia de Galicia requiriulle aos responsables da instalación a adopción das medidas correctoras oportunas

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2023  A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un vertido de augas residuais procedente dunha instalación industrial asentada no concello de Meis.

Este foco foi localizado no marco das inspeccións rutineiras levadas a cabo polos técnicos do Plan de Control de Vertidos, xunto coa Gardería Fluvial de Augas de Galicia.

Os técnicos da Xunta identificaron a orixe do punto de vertido nunha balsa de decantación que recibía as augas de escorrega afectadas polo tránsito de maquinaria no interior das instalacións, acadando un regato innominado da zona.

As comprobacións realizadas polo persoal de Augas de Galicia, mediante mostraxes analíticas, constataron que o vertido cara ao medio receptor se producía en condicións inadecuadas.

Ante a deficiencia observada, os técnicos requiríronlle aos responsables da instalación a adopción das medidas correctoras oportunas co obxectivo de emendar ese foco.

Os responsables da empresa procederon á canalización do caudal de auga cara a un novo sistema de decantación, emendando deste xeito as achegas irregulares ao dominio público hidráulico, como verificaron os técnicos da Xunta nunha nova inspección.

Data de actualización: 01/01/2023