Entran en vigor os Orzamentos da Xunta para 2023, os máis altos da súa historia

As contas acadan os 12.620 M€ e priorizan un ano máis o gasto social

Reforzan con máis de 500 M€ cinco liñas de actuación prioritarias para acompañar a familias e empresas e con medidas para impulsar a competitividade

Volven baixar os impostos para axudar a mitigar os efectos da alza de prezos
 

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2023

Hoxe entran en vigor os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2023, unhas contas que son as máis altas da historia da Comunidade, que ascenden a 12.620 M€ e que nacen co obxectivo de axudar, protexer e acompañar ás familias que máis o necesiten e ás empresas na conxuntura actual. Ademais, son tamén uns presupostos de impulso, do impulso que Galicia necesita.

Un impulso baseado nunha política fiscal propia e previsible que aposta por baixar os impostos todo o posible; no reforzo constante e continuo dos servizos públicos, no endebedamento responsable e en máis reforzo no investimento produtivo.

Os Presupostos de 2023 reforzan un ano máis o gasto social, é dicir, a sanidade, a educación, as políticas sociais, e fomento do emprego. Así, estes orzamentos inclúen o maior gasto social da historia de Galicia que ascende a 9.368 M€ (709 máis que no vixente exercicio) para a sanidade, o ensino, as políticas sociais e emprego.

Tamén inclúen un reforzo do investimento produtivo, de forma que o vindeiro exercicio, a Comunidade disporá de 2.772 millóns de euros para investimentos, un 8,5 % máis que no 2022 co obxectivo de axudar a impulsar investimentos que aceleren a transformación do tecido produtivo, en especial, mobilizando os fondos europeos Next Generation, apoiando aos sectores produtivos estratéxicos, e fomentando un tecido produtivo moderno, eficiente, internacionalizado e sustentable.

Ademais, as contas que hoxe entran en vigor reforzan con máis de 500 M€ cinco liñas de actuación prioritarias para acompañar a familias e empresas nesta conxuntura de alza de prezos e con medidas para impulsar a competitividade. Estas liñas de actuación son: apoio e protección das familias e das persoas; aforro e eficiencia enerxética; dinamización económica; protección do medio ambiente, loita contra a seca e o cambio climático; e fortalecemento dos servizos públicos autonómicos.

Novas rebaixas de impostos

En materia de política fiscal, os orzamentos recollen unha serie de medidas de alivio fiscal e de fomento da competitividade para axudar a mitigar os efectos da alza de prezos.

No Imposto da Renda, defláctanse con carácter retroactivo a 1 de xaneiro de 2022 os tres primeiros tramos do IRPF e rebáixase por cuarta vez en nove anos o IRPF, neste caso, o tramo autonómico máis baixo para rendas máis modestas, que pasa do 9,4 % ao 9 %. Os cidadáns galegos aforrarán na declaración deste 2023 unha media de 476 € en relación ao que pagaban en 2009.

Por outra banda, Galicia será a primeira comunidade en equiparar a efectos fiscais as familias con dous fillos ás familias numerosas cunha dedución de 250 euros no IRPF. Tamén se duplica a dedución que se aplica ás familias numerosas co que a dedución das familias con tres fillos será de 500 €, cun aumento doutros 250 € por cada fillo a maiores.

En resumo, hoxe entran en vigor os orzamentos máis altos da historia, que recollen medidas para acadar o impulso que Galicia necesita neste momento cunhas contas que priorizan as familias, empresas e sectores máis vulnerables aos altos prezos; que buscan dinamizar a economía; que pretenden fomentar o aforro e a eficiencia enerxética; apostan por medidas medioambientais e de loita contra a seca e o cambio climático; e que fortalecen a sanidade, a educación e as políticas sociais.

É dicir, uns orzamentos enmarcados na planificación da Galicia de 2030 e con máis gasto social, menos impostos, máis investimento e menos débeda.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/01/2023