A Unidade Operativa de Drons da Axega foi alertada en máis de cen ocasións para a busca de persoas desaparecidas desde a súa creación

Desde o 2020, esta Unidade do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias superou a vintena de alertas anuais, sendo o verán a época na que máis casos se rexistraron

En máis da metade das ocasións, a idade dos desaparecidos sitúase entre os 70 e os 90 anos

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2023

Nos últimos anos, a Unidade Operativa de Drons do Grupo de Apoio Loxístico (GALI), integrado na Axencia Galega de Emerxencias (Axega), foi alertada en máis de cen ocasións para a busca de persoas desaparecidas. Este recurso cóntase entre os numerosos que fican preparados no GALI a fin de colaborar nos operativos de rastrexo, unha vez son requiridos polas forzas de seguridade.

Desde o ano 2016, cando se rexistraron as primeiras saídas cos drons, a proporción de persoas atopadas con vida aumentou de maneira considerable, o que, entre outros indicativos, apunta a unha progresiva mellora da coordinación dos servizos de emerxencias. En concreto, durante os últimos catro anos, o número de superviventes supera o conxunto dos falecementos e daquelas persoas que non se chegaron a localizar.

Ademais, desde o 2020, a Unidade Operativa de Drons vén de superar as vinte alertas ou mobilizacións anuais, o que supón un 60 % de todas as solicitadas para este servizo do GALI. Porén, este feito pode gardar relación coa tendencia alcista do número de desaparicións en territorio galego, á que o descenso da actividade social pola pandemia da covid-19 non afectou seriamente.

Neste sentido, o GALI foi chamado a colaborar en operativos de busca un total de seis veces en 2016, oito en 2017, 18 en 2018, sete en 2019, 21 en 2020, 20 en 2021 e 21 ata comezos do mes de decembro de 2022.

Os datos dispoñibles sobre o conxunto de operacións mencionadas permiten extraer información relevante. En primeiro lugar, máis da metade das persoas desaparecidas, en concreto 53, sitúanse na franxa entre os 70 e os 90 anos de idade, mentres que só en 23 ocasións os implicados contaban con 60 anos ou menos.

Por outro lado, o verán é a época do ano na que máis casos se produciron, cun total de 37. As tres estacións restantes oscilan en torno á vintena de mobilizacións ou alertas da Unidade de Drons. Entre os factores que poden actuar como condicionantes cóntanse os episodios de meteoroloxía adversa, máis infrecuentes durante a etapa estival.

Con todo, o futuro pasa por dous obxectivos: a mellora de recursos e a prevención, dúas materias nas que se afonda con dilixencia desde a Administración. Xa se comezou a traballar en proxectos de I+D+i que combinan procesos de sensorización, vehículos aéreos non tripulados (UAV), así como hardware e software orientados á localización temperá das persoas desaparecidas.

O GALI, máis aló da Unidade Operativa de Drons

O Grupo de Apoio Loxístico da Axega é un servizo transversal a todo tipo de intervencións de emerxencias ou operacións loxísticas, dependente en última instancia da Xunta de Galicia e que actúa a custo cero para a administración demandante.

Inmerso nun proceso de renovación e innovación constante dos seus materiais e tecnoloxías, o Grupo levou a cabo máis de 400 intervencións desde o 2019 (431 ata a fin de novembro deste ano). En concreto, a alerta ou mobilización da Unidade Operativa de Drons representa unha reducida proporción do total dos operativos nos que participou o GALI.

Durante o ano 2020, marcado pola crise da covid-19, o Grupo amosou a súa capacidade de adaptación ás circunstancias, cun importante número de intervencións enfocado ao traslado, empaquetado e desinfección de material sanitario. A colaboración nas tarefas de extinción de grandes incendios forestais ou industriais son outros dos motivos frecuentes para a mobilización do GALI, que sempre fica preparado para colaborar en caso de ser requiridos polos servizos de emerxencias.

Por outra banda, algúns dos seus operativos están enfocados a garantir as medidas de seguridade durante a celebración de eventos multitudinarios. Outros, á prevención, a través da participación en diversos simulacros ao longo do ano.

Data de actualización: 01/01/2023