A Xunta convoca as axudas complementarias para o programa Erasmus+ dotadas con máis de 1,5 M€

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o día 2 de febreiro

As contías van desde os 125 €/mes ata os 195 €/mes en función dos países de destino

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2023

A Xunta de Galicia publicará no Diario Oficial de Galicia de mañá luns a convocatoria das axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario Erasmus. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina máis de 1,5 M€ a esta convocatoria, dirixida ao alumnado das universidades públicas galegas que participa en Erasmus Estudos no presente curso 2022/2023.

O prazo para tramitar as solicitudes estará aberto ata o día 2 de febreiro. Os interesados deberán realizar a solicitude por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

O importe consignado para as estadías varía en función do país de destino así será de 195 euros/mes para os países de destino do grupo 1 (Dinamarca, Finlandia, Irlanda, Islandia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega e Suecia), de 165 euros/mes para os do grupo 2 (Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Grecia, Francia, Italia, Malta, Países Baixos e Portugal) e de 125 euros/mes para os do grupo 3 (República de Macedonia do Norte, Bulgaria, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, República Checa, Romanía, Serbia e Turquía).

Todo o alumnado das universidades públicas que realicen unha estadía neses países poderá ter acceso tamén ás axudas complementarias autonómicas para as de entre tres e nove meses.

Requisitos

Para solicitar a bolsa o estudante deberá estar matriculado no curso 2022/23 en calquera grao das universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e participar no devandito programa de mobilidade universitaria como beneficiario da axuda do programa Erasmus+ xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación. Non poderán optar á axuda os que xa gozaran dela en convocatorias anteriores e mais o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nos seus países de orixe.

Estas axudas enmárcanse dentro das iniciativas do Goberno galego a prol dun sistema educativo de calidade e con igualdade de oportunidades independentemente dos recursos económicos das familias. Así, a Consellería de Educación apoia aos estudantes para que poidan completar os seus estudos universitarios fóra do territorio español; e favorece un ano máis a mobilidade estudantil, no sentido de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/01/2023