A Xunta impulsa na Coruña a participación activa do tecido comercial da provincia para avanzar no deseño do futuro plan estratéxico do sector

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, está a manter hoxe diferentes encontros con representantes de asociacións de comerciantes e de centros comerciais abertos da provincia da Coruña

Tras as xornadas xa celebradas en Ourense e Lugo, esta xuntanza enmárcase no proceso de escoita activa aberto polo Goberno galego para elaborar o Plan estratéxico do comercio de Galicia

A planificación, que abrangue ata 2030, abordará a transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e artesanal, con foco nas novas tecnoloxías, a especialización, a calidade do produto, a experiencia do usuario e a remuda xeracional

Alén tamén participou esta mañá na Coruña na presentación da campaña ‘Merca no teu comercio’, froito da colaboración da Xunta coa Federación Galega de Comercio

A Coruña, 1 de outubro de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, está a manter no día de hoxe en Expocoruña diferentes encontros con representantes de asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos da provincia da Coruña. Deste xeito -e tras as xuntanzas xa celebradas en Ourense e Lugo- a Xunta continúa avanzando no proceso participativo e de escoita activa con todo o sector co obxectivo de elaborar o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.

Gabriel Alén destacou que para o Executivo galego é unha prioridade abordar o futuro do comercio desde o diálogo e a colaboración, atendendo as achegas de todos os axentes implicados -comerciantes, asociacións, centros comerciais abertos, praceiros, artesáns, etc.- co obxectivo de facer unha diagnose acertada e trazar a estratexia para reforzar e incrementar a competitividade do tecido comercial local das vilas e cidades galegas.

Nesta liña, o director xeral remarcou o importante papel do sector como motor económico e xerador de emprego e riqueza. Non en van, Galicia conta con máis de 24.000 comercios polo miúdo, que xeran 107.000 postos de traballo en toda a Comunidade, ademais de preto dun cento de mercados e prazas de abastos. Asemade, sinalou, cómpre tamén poñer en valor o seu rol dinamizador na vitalidade e a vertebración do territorio.

Gabriel Alén incidiu na necesidade de mirar cara o futuro poñendo á disposición do sector todas as ferramentas que precisan para afrontar os retos que teñen por diante, adaptarse ás novas realidades e ás tendencias dos consumidores, a través dun modelo que se apoie nos beneficios das novas tecnoloxías e afonde na especialización, na calidade do produto e na experiencia do usuario, promovendo ademais o consumo responsable e a sustentabilidade como valores inherentes ao comercio local e de proximidade.

Tamén fixo mención a aposta por acometer un plan de remuda xeracional para asegurar a continuidade dos comercios rendibles, apoiando tanto ao que cesa na actividade como ao que a vai continuar.

Entre as medidas nas que está a traballar o Executivo galego, figura o impulso das prazas de abastos -fomentando a súa certificación como Mercados Excelentes- ou a posta en marcha do selo Menú de Mercado, que permita facer campañas cruzadas cos restaurantes da contorna. Tamén contemplará liñas para potenciar os centros comerciais abertos -para consolidalos como máximos referentes dun servizo de proximidade e de calidade e simplificar as súas axudas-e a Fundación Artesanía de Galicia, para seguir apoiando o labor dos nosos artesáns e artesás.

Presentación da campaña ‘Merca no teu comercio’

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, tamén participou esta mañá en Expocoruña na presentación da campaña Merca no teu comercio, co obxectivo de poñer en valor o comercio de proximidade e incentivar as vendas.

A iniciativa desenvolverase na provincia da Coruña en dúas edicións -unha delas entre o 1 e o 20 de outubro e outra entre o 1 e o 20 de novembro- e enmárcase no convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio para avanzar na innovación, dixitalización e dinamización do sector. En cada unha das edicións da campaña sortearase entre todos os tíckets rexistrados por comerciantes ou consumidores directamente, un total de 10.000 euros, repartidos en 50 bonos QR de 200 euros para canxear nos establecementos adheridos. Ademais, cada edición inclúe unha gala de entrega de premios na que se sorteará en directo un bono de 1.000 euros. A da primeira edición será o 29 de outubro na Coruña e a da segunda o 29 de novembro en Santiago.  

Neste sorteo en directo poderán participar todos os premiados e os seus acompañantes ata completar aforo, segundo as condicións recollidas nas bases -entre elas, presentar tícket de compra nas datas da campaña e unha participación por persoa-. Este premio de 1.000 euros deberá ser gastado pola persoa agraciada nunha única xornada de compras dentro da semana seguinte ao sorteo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2024