A conselleira María José Gómez visitou esta tarde o evento, no que o Goberno galego ten unha presenza destacada

Medio Rural promociona a calidade dos produtos agroalimentarios galegos no ‘Festival da Luz’

A Consellería do Medio Rural programou ata unha decena de catas e demostracións gastronómicas coas experiencias de calidade, así como xogos e actividades lúdicas, especialmente orientadas aos máis cativos e ás familias

Boimorto (A Coruña), 23 de agosto de 2024

A Xunta promocionará os produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada no Festival da Luz, que se celebra esta fin de semana na localidade coruñesa de Boimorto. Así o destacou esta tarde a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa visita a este evento no que o Goberno galego ten un espazo propio no que, ao longo dos días do festival, se levarán a cabo actividades para todos os públicos.

Neste posto terán lugar ata unha decena de catas e demostracións gastronómicas con produtos de calidade. Así, mañá sábado celebraranse catas da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia e dos chamados “irmáns de leite”, é dicir, dos catro queixos con denominación de orixe protexida (Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro).

Na mesma xornada haberá tres demostracións gastronómicas a cargo de Xulio Mato, con degustacións de diferentes experiencias de calidade. Entre os pratos elaborados, cómpre citar unha fondue de queixos galegos con denominación, un bocado de IXP Lacón Galego, asadiño de tomates cherry de produción ecolóxica e queixo do Cebreiro e unha combinación de Tarta de Santiago con queixo Cebreiro e Mel de Galicia.

O domingo terán lugar catas das IXP Pan de Cea e Pan Galego, así como dos queixos con denominación. As demostracións gastronómicas abranguerán produtos como a Faba de Lourenzá ou o chourizo de Artesanía Alimentaria, por un lado, a Ternera Gallega Suprema combinada co Pemento de Herbón ou os Grelos de Galicia, entre outros. Toda esta programación complementarase con diferentes xogos e actividades lúdicas, especialmente orientadas aos máis cativos e ás familias, todas elas centradas en poñer en valor as experiencias de calidade de Galicia.

O evento

O Festival da Luz, cita solidaria promovida pola artista Luz Casal e que se celebra desde 2012 na súa casa natal de Boimorto, é un evento social e cultural de posta en valor do rural galego. De feito, ademais das actuacións musicais de distintos estilos -desde onte e ata mañá actúan preto de 60 bandas ou artistas repartidos en catro escenarios- o festival alberga espazos destinados á gastronomía, á artesanía, ao deporte ou a actividades infantís, o que lle dá un marcado carácter familiar.

Desde a súa posta marcha a organización do festival doou preto dun millón de euros a distintas entidades benéficas tanto locais como autonómicas e nacionais coa finalidade de axudar ás persoas con algún tipo de enfermidade, en dificultades económicas ou incluso para o desenvolvemento de accións como a reforestación de bosques danados polos incendios e a recuperación das especies existentes na zona.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/08/2024