María José Gómez enxalza os produtos agroalimentarios con indicativos de calidade diferenciada na XXI Festa do Pemento de Mougán

Guntín (Lugo), 24 de agosto de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu esta mañá á Festa do Pemento de Mougán, onde exerceu como pregoeira da vixésimo primeira edición deste evento. Durante a súa intervención, salientou a importancia deste tipo de eventos que poñen de relevo os indicativos de calidade diferenciada existentes na nosa comunidade e o bo facer dos produtores. Neste caso, unha Indicación Xeográfica Protexida (IXP).

A IXP Pemento de Mougán conta con preto dunha decena de produtores, así como 5 almacenistas, e cunha superficie inscrita de 5 hectáreas situadas integramente no concello de Guntín, que permitiron acadar no pasado 2023 unha produción comercializada de preto de mil quilos de pemento.

María José Gómez afirmou que ser pregoeira “é unha inmensa honra e unha enorme responsabilidade”. Seguindo esta liña, amosou a súa aposta como conselleira para seguir impulsando estes eidos e produtos e convidou a todos os asistentes a desfrutar deste “manxar”, que levan cultivando os guntineses ao longo dos anos, ata conseguir un produto de calidade recoñecida.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/08/2024