A Xunta enxalza o potencial da Feira Gastromar na difusión da calidade dos peixes e mariscos galegos

Ribeira (A Coruña), 23 de agosto de 2024

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participou hoxe na inauguración da  III edición da  Feira Gastromar, iniciativa impulsada pola Asociación de Empresarios de Ribeira para promocionar os produtos do mar capturados pola frota local. Alí destacou o potencial deste evento para poñer en valor os produtos do mar de Galicia e dar a coñecer os seus beneficios nutricionais a través da gastronomía, así como impulsar a súa demanda e os seus prezos.

Este evento, no que participan outras entidades da zona vencelladas co sector marítimo-pesqueiro e que conta co apoio da Xunta de Galicia, busca difundir os produtos do mar capturados pola frota local como o lirio, o xurelo, o polbo, o congro, o mexillón ou a ameixa. Ao mesmo tempo, tamén ten como fin promocionar a cociña local. Con ese obxectivo, esta feira, que se celebra desde hoxe ata o domingo, día incluído, ten programados diferentes obradoiros, demostracións e degustacións de receitas elaboradas con peixes e mariscos e que inclúe tamén a participación de foodtrucks. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/08/2024