A conselleira María José Gómez visitou hoxe as instalacións da Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa), na que se integra Larsa, na localidade luguesa de Outeiro de Rei

Medio Rural salienta a aposta das industrias lácteas por Galicia a raíz do seu produto de extraordinaria calidade e pola transformación

A titular da Consellería destacou que a posición de liderado nacional de Galicia en produción favorece que a nosa terra sexa lugar de importantes investimentos por parte de destacadas empresas do sector

Puxo de relevo as axudas da Xunta para o fomento da transformación e a comercialización dos produtos agrogandeiros, que dende 2016 beneficiaron un total de 552 proxectos, con subvencións por importe global de case 172 millóns de euros

Reiterou o seu chamamento a todos os axentes da cadea de valor a traballar conxuntamente para manter a estabilidade nos prezos do leite e animou a favorecer a entrada de gandeiros, como socios, dentro das cooperativas lácteas

Outeiro de Rei (Lugo), 21 de agosto de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo hoxe en valor a aposta das industrias polo leite galego “como produto de extraordinaria calidade”, así como pola transformación do mesmo. Nunha visita ás instalacións da Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa), na que se integra Larsa, na localidade luguesa de Outeiro de Rei, a titular de Medio Rural destacou que a posición de liderado nacional de Galicia en produción favorece que a nosa terra sexa lugar de importantes investimentos por parte de destacadas empresas do sector.

Durante a visita, a conselleira estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería, José Balseiros; polo alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao; así como por diferentes responsables da compañía como o presidente do Grupo Central Lechera Asturiana, Dámaso Alberto Álvarez; ou o director xeral de Capsa, José Armando Tellado Nogueira.

Gómez salientou o papel de Larsa como un dos principais primeiros compradores de leite en Galicia, onde traballa con máis de 900 explotacións da comunidade. Nesta liña, a conselleira sinalou ademais o compromiso desta firma pola transformación e por dotar de valor engadido ao leite galego, na liña -subliñou- cos obxectivos da Estratexia de dinamización do sector impulsada pola Xunta en colaboración cos axentes deste eido.

Axudas para a transformación e comercialización

Neste contexto, a conselleira puxo de relevo as axudas do seu departamento destinadas especificamente á industria agroalimentaria. Estas achegas para o fomento da transformación e a comercialización dos seus produtos beneficiaron dende o ano 2016 un total de 552 proxectos empresariais, que recibiron subvencións por importe global de preto de 172 millóns de euros.

Cómpre salientar que unha parte moi destacada dos beneficiarios destas axudas corresponden ao sector leiteiro e, de feito, a resolución das mesmas deste ano, que beneficiarán 62 proxectos, sairá publicada en DOG mañá mesmo, tal e como adiantou.

A maiores, Gómez reafirmou o compromiso do Goberno autonómico con todos os axentes da cadea de valor, “empezando polos gandeiros, que son a parte máis sensible da cadea de valor do leite”. Desta forma, engadiu, a Consellería traballa cos produtores e tamén coa distribución, a industria e os consumidores a prol da estabilidade e da sustentabilidade do sector.

Neste marco, insistiu na necesidade de manter a estabilidade nos prezos do leite que perciben os gandeiros e volveu chamar a todos os axentes a esforzarse nesta liña de traballo conxunto, que -dixo- repercute de xeito positivo en todo o sector. Neste sentido, animou tamén a favorecer a entrada de gandeiros, como socios, dentro das cooperativas lácteas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/08/2024