A Xunta convoca en setembro e outubro aos titulares dos terreos para a mellora de 43 paradas de autobús en estradas autonómicas en Nigrán, que suporá un investimento de máis de 1M€

Os titulares dos terreos deberán acudir o 10 e 11 de setembro, de 9 a 14 horas, ao Concello de Nigrán, para proceder ao levantamento das actas previas á ocupación; e o 15 e 16 de outubro, no mesmo lugar e horario, para a formalización das actas

As intervencións inclúen a colocación de novos refuxios, a mellora da accesibilidade para os autobuses ou o reforzo da iluminación

A Xunta ten previsto actuar en máis de 1.100 paradas das estradas de titularidade autonómica cun investimento global de arredor de 35M€

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2024

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria en setembro e outubro aos titulares dos terreos para acometer a mellora de 43 paradas de autobús en estradas autonómicas no concello de Nigrán, que suporá un investimento de máis de 1M€.

Os titulares dos terreos deberán acudir o 10 e 11 de setembro, de 9 a 14 horas, ao Concello de Nigrán, para proceder ao levantamento das actas previas á ocupación; e o 15 e 16 de outubro, no mesmo lugar e horario, para a formalización das actas.

No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240821/AnuncioG0181-020724-0001_gl.html

O obxectivo é desenvolver actuacións no ámbito das rutas do transporte público nas estradas autonómicas PO-325 entre o punto quilométrico 9+330 e 14+670; na PO-552, entre o 7+470 e 12+850; e na PO-340, entre o 17+170 e 20+590, todas no municipio pontevedrés de Nigrán.

Estas intervencións inclúen a mellora dos apartadoiros para os autobuses e as súas cuñas de entrada e saída, así como o acondicionamento dos itinerarios peonís.

Ademais colocaranse refuxios deseñados pola Dirección Xeral de Mobilidade, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

No eido destas intervencións, os traballos que se acometerán nas paradas consistirán en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

As obras incluirán medidas de seguridade, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.

Ademais, as intervencións prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.

Os proxectos forman parte do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús que a Xunta ten en marcha nas estradas autonómicas para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia, estando xa en execución a mellora de 284 paradas. O investimento total previsto é de arredor de 35 M€.

Este proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.

Data de actualización: 21/08/2024