A Xunta pon en valor a estación de calidade do aire de Santiago no Campus Sur como unha das instalacións urbanas de referencia para a rede autonómica

Na actualidade Galicia conta cun total de 47 instalacións dedicadas a medir e rexistrar a contaminación en aire ambiente, o que a consolida como unha das comunidades españolas cun dos dispositivos mellores e máis completos

Os datos recóllense a través de analizadores que emiten datos cada 10 minutos e os trasladan en tempo real ao persoal técnico responsable do seu seguimento

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2024

A Xunta salientou hoxe a posición consolidada que ocupa a nivel nacional a Rede de calidade do aire de Galicia, impulsada co fin de verificar que se cumpran os obxectivos da normativa vixente neste eido e que na actualidade figura entre as mellores e máis completas de todo o país, grazas ao seu proceso constante de renovación e ampliación.

Durante unha visita esta mañá á estación de calidade do aire localizada no Campus Sur de Santiago (unha das dúas coas que conta a capital galega), a subdirectora xeral de Cambio Climático e da Ordenación do Litoral, Teresa Bernal, salientou precisamente que esta instalación, unha das mellores de Galicia, é unha das estacións urbanas de referencia para a Rede autonómica.

A lexislación vixente en materia de calidade de aire busca evitar, previr e reducir os efectos nocivos das substancias contaminantes sobre a saúde humana, o medio ambiente no seu conxunto e outros bens de distinta natureza.

Para verificar o cumprimento destes obxectivos, establecer actuacións de mellora e avaliar os resultados obtidos, creouse a Rede de calidade do aire de Galicia, integrada na actualidade por un total de 47 estacións, de titularidade pública e privada, con capacidade para medir a contaminación do aire en diferentes zonas.

Todas estas estacións (que segundo a fonte de emisión poden ser de tráfico, industriais ou de fondo, e tendo en conta o tipo de área na que están localizadas se dividen en urbanas, suburbanas e rurais) cumpren diferentes funcións, dependendo da súa situación e da poboación á que representan.

Nelas empréganse analizadores automáticos para a medida dos distintos contaminantes en aire ambiente que emiten un dato cada 10 minutos e son recibidos en tempo real polo persoal da Rede. Os técnicos tamén teñen establecido un sistema de seguimento das estacións privadas para que subministren a información referente á calidade do aire cos mesmos estándares que as instalacións públicas, é dicir, os esixidos na normativa.

As estacións e os seus analizadores forman parte, xunto coas estacións meteorolóxicas, da Rede de observación meteorolóxica, avalada pola norma de calidade ISO 9001:2008 para certificar que os datos, que se poden consultar publicamente na web de MeteoGalicia, teñen trazabilidade e calidade.

Tamén conta cun sistema de alertas de xeito que o persoal de calidade do aire sabe en tempo real se se rexistra un dato de concentración elevada dun contaminante, ou os modelos predín que a concentración dalgún destes vai ser elevada, información de gran valor xa que permite xerar avisos á poboación e poñer en marcha as medidas correctivas necesarias para asegurar que, unha vez superados os limiares de activación, información e alerta, a calidade do aire volve aos niveis axeitados o mais pronto posible.

Boa calidade do aire en Galicia

A comunidade galega mantén desde hai anos unha boa calidade do aire. En todo caso e de cara a 2030, a Unión Europea traballa na fixación de novos valores límite para avaliar a contaminación ambiental. Concretamente, a nova directiva comunitaria neste eido establecerá, en liña coas directrices más recentes da Organización Mundial da Saúde (OMS), parámetros e obxectivos máis estritos para varios elementos contaminantes, como o dióxido de nitróxeno, o dióxido de xofre, o ozono e as partículas PM2.5 e PM10.

Así mesmo, a futura norma modificará aspectos tales como, por exemplo, os parámetros a monitorizar; os requisitos para o control e a modelización da calidade do aire para mellorar a súa xestión e as medidas de prevención e garantir en maior medida o cumprimento das normas; a cooperación entre os Estados membros en materia de contaminación transfronteiriza; ou a elaboración de plans de calidade do aire.

En todo caso, esta excelente rede, así como os estudos que se están a levar a cabo por parte da Xunta de Galicia, sitúan á nosa comunidade nunha boa posición para avaliar e afrontar estes retos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/08/2024